Compostela cultura

Estás en: Destaques > Varios > 'As mobilizacións...
Mobilizacións do 68'

'As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela'

(18/02/2008) A Fundación 10 de marzo inaugura o vindeiro 28 de febreiro no pazo de Fonseca a exposición 'Do «Gaudeamus igitur» ao «Venceremos nós»: As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela', que pretende rememorar o proceso de loita desenvolvida na capital de Galiza nun ano histórico para a loita estudantil europea.

Mobilizacións estudantís do 68'

Mobilizacións estudantís do 68'

A mostra 'Do «Gaudeamus igitur» ao «Venceremos nós»: As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela', comisariada por Ricardo Gurriarán, conta con varias seccións.

Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a universidade baixo a ditadura franquista, analízanse os elementos que alicerzaron as mobilizacións estudantís posteriores: a cultura oficial e mais a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, os acontecementos ocorridos noutras latitudes a prol da democratización das estruturas universitarias, etc.

Todo isto dá paso a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba as autoridades académicas e, por extensión, a ditadura franquista, dende a solidariedade da sociedade galega ata o nacemento de Voces Ceibes; dende as asembleas universitarias ata o peche na Facultade de Filosofía e Letras; dende a represión sobre o líderes estudantís ata a actitude do profesorado…

Do «Gaudeamus igitur» ao «Venceremos nós» está baseada nun intenso labor de documentación que levou a Ricardo Gurriarán a mergullarse en numerosos arquivos, coma tal o da Universidade de Santiago de Compostela, o Arquivo Municipal de Santiago, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo da Fundación 10 de Marzo, o Arquivo Histórico Nacional (Madrid), o Arquivo do Ministerio del Interior, o do centro Galego das Artes da Imaxe, os da Fundación Luís Seoane e o Instituto Padre Sarmiento (csic).

Destaca o feito, por outra banda, de que unha boa parte da tarefa de documentación se realizou en coleccións dos protagonistas, aos que Ricardo Gurriarán entrevistou. Deste xeito, reuníronse centos de documentos escritos e fotografías así como máis dun cento de entrevistas. Todo o material recompilado é a base dun libro asinado por Gurriarán que analizará as mobilizacións estudantís galegas de 1968.

Actos paralelos
Paralelamente, organizaranse unha serie de actos que complementarán a exposición. Por primeiro, unha sesión de cineclube dirixida por Ezequiel Méndez, que terá lugar o venres 29 de febreiro, ás 19:30 horas na Facultade de Filosofía da USC, na que se proxectará o filme de Vittorio De Sica Umberto D. Ademais, xa o 25 de marzo, celebrarase unha mesa redonda moderada por Ricardo Gurriarán na que se darán cita diferentes protagonistas dos acontecementos da épocoa -Vicente Álvarez Areces, Carmen Beltrán, Fermín Bouza, Xose María Méndez Doménech e Xesús Sanxoás-.

Doutra banda, e dentro do mesmo programa, no mes de decembro de 2008 celebrarase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos. Pola mesma altura, presentaranse varias obras sobre Voces Ceibes, entre elas as memorias dun dos seus compoñentes, Benedicto García Villar.

A mostra vai ser producida pola Fundación 10 de Marzo coa colaboración das tres universidades galegas a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e mais da Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia así como da Obra Social de Caixa Galicia, da que é comisario Ricardo Gurriarán, está dividida en varias seccións.

Máis destaques de varios
o 68 en Compostela:
Nome da exposición: 'Do «Gaudeamus igitur» ao «Venceremos nós»: As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela'

Lugar: Pazo de Fonseca

Data: Exposición aberta do 28 de febreiro ao 27 de marzo.

Actos paralelos:
  • Sesión cineclubística: 'Umberto D', 29 febreiro ás 19:30 horas na Fac. de Filosofía.
  • Mesa redonda con protagonistas da loita. 25 de marzo.