I ENCONTROS DE ROL E XOGOS DE ESTRATEXIA 'LUDUS STELLAE'
Elfos, Piratas, Jedis, Bandoleiros e Vampiros poboarán A Chocolataría durante dous días: únete a eles.
(10/10/2006) A Asociación Cultural Casco Vello Libredón organiza baixo o patrocinio de A Chocolataría e a Concellaría de Cultura estes encontros de rol e xogos de estratexia. Dous días para xogar, ver e aprender e demostrar que o xogo, a imaxinación e a creatividade non teñen idade.
Dados de 'The Call of Cthulhu'
Gary Gygax
Os 'Ludus Stellae' desenvolveranse arredor dos tres eixes temáticos fundamentais dos xogos de rol-terror gótico, ciencia ficción e medieval fantástico.
As partidas son abertas para todos os públicos e podes apuntarte na web da Asociación Casco Vello.
Non todas as historias e os contos teñen que rematar como nolos contaron. Non todos os camiños levan a Roma. Non todos os dragóns desapareceron. Frodo non ten porque rematar tirando sempre o 'anel único' no lume do Monte do Destino. O rol é entre moitas outras cousas mudar, decidir, cambiar o que estaba escrito, e es ti quen pode facelo...entra no xogo!
Como comezou todo?
Poderiamos decir que o rol existe desde que a xente xoga e conta historias, desde que un pau pasou a ser unha espada na mente dun xogador, ou un trozo de madeira un barco navegando por un mar de area.
A historia é moi longa, mais poderiamos establecer como base primeira dos xogos de rol aos 'xogos de guerra' que xorden no século XIX en Prusia. Os combates dependendían da estratexia seguida polo xogador, mais para decidir o resultado dos mesmos se introduciría un factor aleatorio e que é fundamental para o rol xogado en mesa: os dados.
A mediados do século XX este tipo de xogos alcanzaría unha grande expansión, mais a estas recreacións de xogos de guerra e de batallas faltáballes un compoñente... Coa publicación nos anos anos sesenta de 'O Señor dos Aneis' de J.R.R. Tolkien introdúcese ese factor: a fantasía épica. Elfos, hobbits, trolls e todo tipo de seres fantásticos comezan a poboar os taboleiros.
Será un zapateiro de Lake Geneva (Wisconsin) chamado Gary Gygax quen desenvolverá un xogo de guerra chamado Chainmail, que será o precendente inmediato do rol de mesa tal e como o entendemos hoxe en día. Gigax incorporou os dados de máis de seis caras ao xogo, e no taboleiro creado para xogo había que explorar subterráneos e acadar tesouros eliminando inimigos e trampas.
David Arneson uniríase ao proxecto de Gygax e introduciría unha serie de modificacións no xogo: eliminación do taboleiro, eliminación do obxectivo final e introduciría a un xogador que arbitrara o xogo: un xogo sen gañadores, un xogo de colaboración no que o principal era o que acontecía durante o trasncurso de xogo e non o resultado final.
Arneson e Gygax eran admiradores de Tolkien e da súa fantasía épica medieval: o proxecto que naceu da súa colaboración foi o mítico 'Dungeons and Dragons' e o sistema que empregaban era o 'Role Playing Game'.
Xéneros do rol
É incuestionábel a fundamentación do rol na literatura, e ademais da épica medieval que deu xogos como 'Rolemaster', Runequest' ou 'Conan', os creadores de xogos de rol beberon e beben de moi diferentes fontes.
Outro dos xéneros literarios máis inspirador para os creadores de xogos de rol é terror gótico baseado nos relatos de H. P. Lovecraft ou Bram Stoker, entre outros, que deu lugar xogos como 'The Call of Cthulhu' ou 'Vampire: The Masquerade'.
Ademais da literatura, o cine e sagas como 'Star Wars' de George Lucas abriron o camiño ás temáticas de ciencia ficción con xogos como o propio 'Star Wars', 'Cyberpunk' ou 'Traveller'.
O rol evoluciona constantemente e non está suxeito só a unha mesa. O rol en vivo leva o xogo á rúa, ao exterior. Esta experiencia, con bastante tradición en países nórdicos, é recente en Galiza e en España, con exemplos como 'Os Irmandiños. A Revolta' e os 'Efeyl'.
Desenvolvemento dos Ludus Stellae
Os 'Ludus Stellae' desenvolveranse arredor dos tres eixes temáticos fundamentais dos xogos de rol-terror gótico, ciencia ficción e medieval fantástico- e acollerán diversas modalidades de xogo. Desde partidas de rol convencional autoconclusivas e de non máis de tres horas de duración, a xogos de estratexia-máis coñecidos como Wargames-, partidas de rol express-dirixidas a xente que nunca xogou e desexa coñecer de xeito inmediato a dinámica dunha partida- e rol para nenos de entre cinco e once anos.
Pero non todo será xogo, tamén haberá paneis expositivos nos que se poderá coñecer un pouco máis arredor da historia deste tipo de xogos, unha mesa redonda arredor do vencello entre o rol e outro tipo de expresións lúdicas e artísticas, e unha exposición de miniaturas de Wargames.