Compostela cultura

Estás en: Destaques > Varios > Salto por enriba do lume de San...
cacharela

...PARA QUE NON ME TRABE NIN SERPE NIN CAN

Salto por enriba do lume de San Xoán...

(23/06/2006) Chega a noite máis curta do ano: no solsticio de verán ábrense as portas do alén, e é unha noite para que os encantos e meigallos saian ao exterior, para que o Demo ande solto e o Bautista bendiga as colleitas... Para librarnos de todo mal, temos varias cacharelas na cidade. Lembren saltar veces impares!

Cacharela na Praciña da Algalia

Cacharela na Praciña da Algalia

Hai que saltar un número impar de veces por riba da cachela, pero non valen o 1 nin o 3, e ten que ser unha vez de cada lado.

Roseira, fento macho, fiúncho, herba luísa, herba de San Xoán (hipérico), malva, codeso ou xesta, romeu ou alecrín, sabugueiro, estalote, nogueira e trovisco son doce prantas das que se lle poden botar á auga de San Xoán.

Unha das noites máis máxicas do ano é aquela na que o solpor é máis tarde e o mencer máis cedo. A porta do verán, este 23 de xuño, é unha festa pagá dende a antigüidade. Se nos magostos, próximos á noite do Samaín, despediámonos do astro rei, agora é momento de dármoslle a benvida. Dende os poboadores celtas, a antiga Grecia e o imperio Romano até hoxe, a humanidade leva acendendo cacharelas coa esperanza de se limpar dos bruxedos.

Arde Compostela
E non habemos perder a oportunidade de chimpar por riba das cacharelas e gozar da compaña dos veciños e un bo anaco de pan de centeo cunha sardiña ou con chourizo... As oportunidades son moitas: 158 fogueiras, 101 no casco histórico e 57 nas parroquias, para queimar os meigallos.

Na praza de Aurelio Aguirre, en Conxo, haberá un campionato de ludochapa e máis xogos tradicionais para cativos (e non tan cativos) a partir das 18:00. Que é iso da ludochapa? Calquera xogo que se poida facer con chapas e taboleiros feitos con ese fin: carreiras, carreiras de obstáculos, golf, fútbol... As posibilidades son infinitas, e todo con material de refugallo. A partir das 20:00, gozaremos da presenza do contacontos Celso Sanmartín, coas súas historias para todos os públicos. Ás 22:30 prenderase a cacharela dos máis pequenos e ás 00:00, a grande, con algunha que outra sorpresa. Haberá sardiñada a partir das 22:00 horas.

Mentres tanto, no parque de San Xoán en Vista Alegre, que se inaugura ás 21:15, haberá tamén festa e sardiñada, e inchábeis para os rapaces entre as 18:00 e as 22:00, ademais da actuación dun dúo musical...

E en San Pedro, un dos barrios máis vivos na cidade, non han faltar as sardiñas, o churrasco e o viño, ademais da música dos Estalotes. Tamén o alto de Bonaval, a Algalia de Abaixo, a Praza do Matadoiro ou a Praza Irmán Gómez, son algúns dos puntos onde poderemos liberarnos do mal.

E a Gentalha do Pichel organiza tamén a súa cacharela na Praza da Peixaría Vella: nela, ademais da bebida e do chourizo, poderemos obter as nove herbas colleitas o día anterior, e gozar da foliada de agarrar as patas.

Tamén, enfronte do Centro Sociocultural da Trisca, onde celebran a súa III Semana Cultural (hoxe coa actuación de Trinke Trinke e a Aula de Teatro Ánxel Casal, de Arzúa) haberá "noite de meigas e cacharelas."

Ademais, a Federación Itaca organiza, como todos os anos, a súa peculiar cacharela na Carballeira de San Lourenzo, tras das piscinas. Chourizo, viño e música, ademais do boneco para queimar: este ano é un Ave Fénix, e en anos anteriores xa foron unha bota, un porco con ás, unha vaca, un helicóptero da policía, un demo e mesmo un Prestige de varios metros de longo. Non lonxe andarán Matarile coa súa Historia natural, dentro do Festival En Pé de Pedra.

Chimpos, cachos e outros ritos
Para limpármonos dos conxuros, cómpre saltar un número impar de veces (pero nin 1 nin 3) por riba da cacharela, cada vez dun lado. Aos nenos pásanos dos brazos da madriña ao padriño, e mesmo hai quen di que é máis efectivo saltar en coiro... O lume é un elemento purificador fondamente arraigado na nosa cultura (xa vimos os mitos relacionados co magosto), e tamén o é o da auga: esta á a noite para lavarmos a cara en auga de nove fontes para estarmos máis guapos, ou de que as mulleres con problemas para concebir vaian recibir as nove ondas do mar da Lanzada. Tamén é cando moitos namorados van buscar a herba namoradeira a unha das (moitas) fins do mundo que temos no país, Santo André de Teixido (como o Puck de Midsommer night's dream, de Shakespeare).

E non debemos esquecer a preparación dos cachos, un feixe de herbas que debemos recoller e deixar nun balde con auga toda a noite para lavar a cara mañá: a roseira, que ademais do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel; o
fento macho (Dryopteris filix-max), que bota 'flores' a medianoite de San Xoán. As esporas do fento sempre foron consideradas (tamén no Ciprianillo) como demiños pequenos. É unha pranta velenosa, que actúa como paralizante muscular; o fiuncho (Foeniculum vulgare) protexe do mal de ollo, ten propiedades diuréticas e dixestivas, e úsase tamén para lavar os ollos e axudar á secrección do leite; a herba luisa (Lippia triphylla), tamén chamada verbena: o costume de que as mozas casadeiras a collesen nesta noite fixo que o nome se estendese a todas as celebracións nocturnas (utilizábase para facer moitos ritos e feitizos amorosos, e ten propiedades dixestivas); o hipérico, ou Herba de San Xoán (Hypericum perforatum), pericón, abeluria, espantademos... a crenza popular era que queimala na casa espantaba os demos, e ademais... "a herba de San Xoán limpa a cara de grans" (é cicatrizante, antiséptica, astrinxente, diurética e antidepresiva); a malva (Malva silvestris) serve para a tos, queimaduras, picaduras de abellas...; ao codeso (Cytisus purgans), piorno, xesta, retama... atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón: era planta sagrada para os druídas celtas; o romeu (Rosmarinus officinalis) alecrín, rosmariño... é unha das prantas máxicas, utilízase para purificar e protexer: hai tempo queimábase cando había enfermos na casa, e cheirar a súa madeira conserva a xuventude, ademais de que a súa esencia é tónica, estimulante, cicatrizante, boa para o reúma e fai crece-lo pelo.
E como xa nos advertiu onte Marilar Aleixandre no Casino, presentando o seu 'Abecedario de árbores', non pode faltar o sabugueiro (Sambucus nigra), bieiteiro, saúco...Os froitos chámanse tamén uvas de bruxa. É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tos. As propiedades intensifícanse cando San Xoán os bendice (nesta noite). É moi usado para espantar sapos e serpes. Tamén o croque (Digitalis purpurea), estralote ou estalote. Hai que andar con ollo, que é moi velenoso, aínda que teña propiedades cardiotónicas. Chamados luvas de fada nalgunhas culturas, pénsase que onde medran é onde bailan meigas as noites de lúa chea. A nogueira (Juglans regia), noceira, concheiro, que aparece en moitas receitas para curar as chagas do corpo (follas de nogueira con tres noces), é astrinxente e vermífuga. O torvisco (Daphne gnidium), trovisco, ou churvisco ten propiedades antiinflamatorias e purgantes moi enérxicas. É unha planta moi perigosa. Haberá lugares onde se poidan obter ramiños de prantas, pero o mellor é ir apañalas un mesmo.

Xa saben: de San Pedro a Conxo pasando polo Casco vello, achegándonos a Aríns, Amio ou Vista Alegre... ollo coas meigas! Esta é noite de falcatruadas en moitos puntos da nosa xeografía (San Xoán de Poio, en Pontevedra, onde os mozos andan ás "Cancelas" e lle rouban os carros aos veciños), pero tamén para curarse das enfermidades nas fendas da árbores,

Máis destaques de varios
ALGUNHAS CACHARELAS
  • San Pedro
  • A Trisca
  • Praza Irmán Gómez
  • Praza Peixaría Vella
  • Praciña da Algalia
  • Parque de San Xoán de Vista Alegre
  • Carballeira de San Lourenzo
  • Praza de Aurelio Aguirre
Lembren... As cacharelas teñen que ter:
  • unha separación mínima de 12 metros respecto a edificios e árbores
  • un volume de combustible inferior a 8 metros de perímetro e 3 de altura
  • se se fan sobre o pavimento, teñen que ter por baixo unha capa de area de 10 centímetros, que poderán solicitar á Brigada de Vías e Obras.
Non poden...
  • estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos
  • estar preto de ningún local onde se almacenen produtos inflamables
  • queimarse pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, malia estaren baleiros
E despois...
  • as cinzas deben quedar totalmente apagadas antes de marchar
Teléfono dos bombeiros: 080