Compostela cultura

Estás en: Destaques > Varios > Celebrando as Letras dende catro...
cartel

A GENTALHA CELEBRA O 13 A FESTA DO 17

Celebrando as Letras dende catro días antes

(12/05/2006) Como todos os anos, a Gentalha do Pichel celebra a súa Festa do Dezasete (que, este ano, se celebra o 13). Este sábado gozaremos de pasarrúas, xantar, foliada e concertos, actividades para os máis pequenos e mesmo unha interesante novidade: un book crossing que comezará ás 18:30

A Gentalha do Pichel tennos preparada unha xornada do máis completa para gozarmos da lingua en todas as súas expresións: música, libros, xogo, camisetas, xuntanza, convivencia... A súa Festa do Dezasete (que se celebra o 13) vai ser das que non se esquecen.

Todos os anos, en torno á semana do Dezasete, a cidade énchese de actividades para celebrar un aniversario máis das nosas letras: concertos pola lingua, foliadas, animación á lectura... Os colectivos e asociacións están máis vivos ca nunca. Un bo exemplo é o de un dos axentes máis activos da acción sociocultural na cidade: a Gentalha do Pichel tennos preparada unha xornada do máis completa para gozarmos da lingua en todas as súas expresións: música, libros, xogo, camisetas, xuntanza, convivencia... A súa Festa do Dezasete (que se celebra o 13) vai ser das que non se esquecen.

Unha xornada de festa:
Como toda festa que se preze, a do Dezasete comeza cunha ruada ás 10:30 da mañá. Os membros da Gentalha, dos que boa parte son músicos e bós cantadores, percorrerán a zona vella compostelá para que todas as persoas que queiran se sumen á festa. rematará ás 13:30, cunha sesión vermú amenizada polo cantor Zé Marques, de música tradicional (e pachangueira) portuguesa, amenizador de eventos, que interpreta dende Quim Barreiros a "Mulher Alentejana." Xa ás 14:00, poderanse gorentar delicioso polbo e churrasco.

E pola tarde continúa a festa cunha foliada. Dende as 18:30 até as 22, na Praza do Pan (Cervantes), poderemos ver unha mostra de danza e música tradicional: aí estarán o grupo de baile da asociación veciñal A Xuntanza de San Pedro, a Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, e os grupos de música tradicional Xilbarbeira e Os Campantes da Baña. Despois das actuacións comezará unha foliada na que cantareiras, bailadores, e calquera, con instrumento ou sen el, que se anime a participar, pode facelo.

Música de todos os estilos
Xa á noite (ás 21:00), a Praza dos Bombeiros acollerá ao grupo folc Fiandola, un grupo de rapaces e rapazas composteláns que se uniron un día para facer música, e o brasileiro Renato Spencer, que leva catro anos en Galiza e ten un grupo onde tenta amosar a cultura nordestina do Brasil. Logo comezará a parte máis rockeira, cos ordenses Kastomä: Soneira, Oscar, Xurxo, David e Sito uníronse no 2000 para tocaren en directo a súa música, influída por Boikot, Reincidentes, ou Barricada. E xa por último, Skarnio, que vén de sacar o seu último cedé, Arredista, traen a súa música ska.

Animación para os pequenos, camisolas e libros...
E aínda hai máis: os pequechos poderán gozar, dende as 17:00, dunha sesión dedicada a eles, cos contos e a globoflexia de Nilsom Leite, murais normalizadores coa animación de Luzia Rodrigues, Suso Sanmartim e Leandro Lamas. Tamén poderán gozar dos xogos de sempre coa Assembleia do Jogo Popular e Tradicional.

E unha nova actividade vai encher as rúas de Copostela: cando vexamos un libro pousado nun banco, nunha fiestra ou baixo unha árbore, se cadra está aí agardando por nós porque alguén o deixou... A Gentalha e o Movimento Defesa da Língua (MDL), organizan un "book crossing" de máis de cen libros en galego: 50 exemplares "botarán a correr" pola rúa a partir das 18:30, e outros tantos serán distribuídos dende o Pichel, a Casa Encantada e a cafetaría Rúa Nova. Participarán as novísimas poetas Lucía Aldao e María Lado, a escritora Teresa Moure, Igor Lugrís, Raquel Miragaia e João Guisan Seixas.

O bookcrossing é unha actividade de fomento da lectura, na que libros libres viaxan dunhas mans para outras, derrubando os muros da cultura. Este proxecto foi tamén organizado recentemente en Lugo a Associaçom Alto Minho e o Movimento Defesa da Língua, enmarcado dentro do proxecto A Cultura Circula. Só hai que seguir a norma dos tres erres:
  • R de "Read": ler os libros.
  • R de "Register": rexistralos antes de liberalos gratuitamente pola Rede.
  • R de "Release": liberalos é o obxectivo final, unha vez son lidos.

E por último, dende as 16:00 ás 20:00, a praza de Cervantes vaise encher de camisolas e moito máis: Os míticos Camisetas de Once Varas do barrio de San Pedro (lembremos os deseños "Chuzos de punta" ou "Ventos de forsa 7"), os non menos míticos Aduaneiros sem fronteiras, precursores da retranca no deseño, Manis dende o Barbanza, a serigrafía artística da Xente das Cores, Projecto Global, distribuidores, os coruñeses Nicetrip, Fento, outros habituais da cooperativa de tendas A Vaca Láctea, e os arousáns Caramuxo exporán as súas creacións, todo amenizado pola animación de rúa Os Veraneantes.

E ademais...
Ao longo da semana está programada unha proxección o luns 15 en colaboración co Cineclube. Será a "noite curta" do cinema galego. E xa o propio día 17, teremos un xantar pola lingua no Pichel, unha ruada normalizadora (por diferentes rúas compostelás, recuperando a microtoponimia tradicional até chegar á Praza de Galiza, coma xa fixeran outra vez), e rematarase, como non, con foliada no Pichel. Por outra banda, organizan un concurso de adiviñas no barrio, e o 17 será entregado o premio: unha cesta chea a rebordar de produtos gastronómicos.

Máis destaques de varios
FESTA
10:30: Ruada pola zona vella
13:30: Sesión vermú amenizada por Zé Marques
14:00: Xantar con polbo e churrasco
16:00-20:00: I Feira camiseteira en Cervantes
17:00: Actividades para pícaros no Pichel
18:30: Book crossing polas rúas de Compostela
18:00: Mostra de danza e música tradicional:
  • Grupo de baile A Xuntanza
  • Agrupación folclórica Colexiata de Sar
  • Xilbarbeira
  • Campantes da Baña
21:00: Concerto na Praza dos Bombeiros
  • Fiandola
  • Renato Spencer
  • Kastomä
  • Skarnio