Visibilizar é a palabra clave, segundo Alfredo Saborido, do
Colectivo Gai de Compostela, para acadar a normalización. E con ese obxectivo, a cultura e o lecer da cidade queren poñer de relevo a presenza da comunidade gai, tirar abaixo os prexuízos e a represión, e conseguir o respecto dos seus dereitos. A importancia da linguaxe visual e audiovisual e o poder da imaxe para remover conciencias fanse patentes con dúas das propostas: o
ciclo de cinema que acolle o Principal e a
mostra de banda deseñada que poderemos mirar durante todo o mes na Casa da Xuventude. Ademais, elas teñen a palabra o día 30: a Fundación Granell acolle un recital de poesía no que varias escritoras galegas reinvindicarán a igualdade de dereitos da comunidade lésbica e bisexual. Todo desembocará, xa entrado xullo, nun día para a reivindicación: o 1 de xullo, ás 20:30, a Quintana vai ser escenario da manifestación do Día do Orgullo Gai. A festa continuará pola noite, coa voz de Mercedes Peón, o espectáculo de Astrud, e as actuacións de DJ Bolmer e as drags Hilaria, Afrodita e Sálida.
37 anos de Orgullo
O 28 de xuño de 1969 moitas persoas organizaron unha marcha en Stonewall, como xeito de protestar contra a discriminación e a violencia que se viña exercendo sobre as persoas gais en Nova York. Gilbert Baker deseñou, anos despois (en 1978) unha bandeira inspirada no movemento hippy e as reivindicacións da cidadanía negra, na San Francisco Gay and Lesbian Freedom Day Parade. As cores do arco da vella representan a diversidade. Primeiro foron oito, logo sete, e finalmente quedaron en seis. Dende aquela, a fin de semana máis próxima ao 28 é cada ano o Día do Orgullo.
Visualizar = normalizar
Ademais dun ciclo de cinema que será proxectado, en tres sesións diarias, do 5 ao 10 deste mes no Teatro Principal, vén de ser inaugurada unha exposición na Casa da Xuventude.
Do fanzine ao manga Yaoi: lesbianas, gais e transexuais no cómic recolle a tradición do mundo gai na banda deseñada. Poderémola ver até o 30 deste mes.
No mundo da banda deseñada existe xa certa tradición de analizar a orientación sexual dos principais protagonistas, sobre todo nos EUA: xa hai décadas que se vían en tebeos como "Wonder Woman" temas sutilmente velados que podían ser "nocivos para a mocidade", segundo os máis reaccionarios (o Reverendo Jerry Falwell protestou alegando que os caracteres dos X-Men rozaban la pornografía, porque os seus traxes apretados á pel no deixaban nada á imaxinación). E a historia de amor entre Batman e Robin estivo sempre presente: dende que apareceu o compañeiro do home morcego, sempre se percibiu que algo había entre eles, e directores como Tim Burton e Joel Schumacher deixaron caer algo nos seus filmes.
Dende os fanzines underground, o cómic destacaba os caracteres homosexuais, pero nos 80, no ambiente dos creadores independentes comezou a proliferar. Mesmo no conservador "Superman", Maggie Swayer era a moza dunha xornalista. E foi Alan Moore en "Watchmen" quen creou un heroe chamado "Capitán Metropolis" e o seu compañeiro "Hooded justice" (xustiza encapuchada), que eran parella, e a lesbiana "Sillhouette" . A revolución reafirmouse coa obra de Tom of Finland, Nazario e Ralf König. As historias do autor alemán
Ralf König véndense por todo o mundo: dende a súa versión de "Lisístrata" até "El condón asesino", que resultou ser un best-seller e mesmo un filme. Poderemos ver moitos dos debuxos de König, admirado por multitude de persoas, nesta exposición.
Touko Laaksonen, maís coñecido coma (
Tom de Finlandia) amosou os cambios do mundo gai masculino dende os 40 até finais dos 80, percorerendo os estereotipos clásicos (policía, leñadores, militares). E o andaluz
Nazario recorre a personaxes marxinais ("Anarcoma", o travesti asesino). O pasado mes de maio recibiu o Gran Premio do Salón Internacional do cómic e a ilustración de Barcelona. na exposición poderemos ver as súas parodias da parafernalia eclesiástica, erotizada ao máximo. Podemos ler na exposición toda unha declaración de principios: "considerando o sexo un dos motores máis importantes que condicionan o comportamento humano, e a súa represión como unha das armas de destrución masiva que o poder emprega para domesticar ese comportamento, dediqueime (por medio do cómic) a denunciar e ridiculizar esa represión."
No panorama editorial actual, mesmo no americano e no xaponés, comeza a se normalizar o mundo gai: atopamos editoriais como Beek´s Books, con coleccións específicas, e exemplos como "Steven´s Comics", de David Kelly, que conta as tribulacións dun rapaz de once anos. Outros son de carácter erótico, como "Handjobs" ("Traballos manuais") de Julius, ou "Leatherboy" ("Rapaz de coiro") de Craig Maynard. Mesmo hai cómic pensado para o público feminino, como "Oh", con títulos como o de Joan Hilty, "Inmola y la Legión de Luna", ou "Ciberzone" de Jimmie Robinson, con Amanda Shane como protagonista, que é afroamericana e ten unha amante chamada Chela.
E mesmo existe un xénero específico no manga coñecido como yaoi (Boys Love, Juné, etc...), que se divide en dous tipos: o Shonen Ai e o Lemon. Como dicir brando e duro, ou S e X, o shonen ai aborda o tema superficialmente, e no lemon podemos atopar sexo explícito.
Foi Jon Arthur o pioneiro en desenvolver o Manga erótico para revistas de Australia e Reino Unido, adaptando o estilo de Tom de Finlandia. Cada vez hai maior liberdade expresiva, mesmo hai creadores que suben o seu traballo a galerías na web, como o español Herrera. Os contidos, por veces pornográficos e mesmo sadomasoquista, requiren unha identificación de adulto. Ás veces fanse versións do cómic manga tradicional (Dragon Ball, Street Fighter). Mais tamén existe o Yuri, centrado nas mulleres. Foi Moto Hagio a nai do Yaoi, con "X + Y" (1970), e logo chegou "Toma no Shinzo" (1975), e "Kaze to ki no uta" ("Canción de vento e árbores), de Keiko Takemiya (1976), un tipo de Yaoi máis próximo ao contido sentimental ca sexual.
Na voz das poetas
BOGA organiza, ademais, un recital de poesía que se celebrará o venres 30 de xuño na Fundación
Granell. A partir das 20:30,
Ana Romaní, Pilar Beiro,
Yolanda Castaño,
María do Carme Kruckenberg,
María Lado & Lucía Aldao, que adoitan traballar xuntas con soportes cada vez máis eclécticos (vídeopoemas, performances...) Xa as puidemos ver nas xornadas de novas linguaxes poéticas
Translittera, na homenaxe a
Rosalía por Compostela, e podemos escoitar un poema de Lucía que grazas á técnica e a María está subido á Rede, no especial de Vieiros
Na túa lingua, nas túas orellas.
Na forza da música
O Día 1, despois de todo este mes de actos, vai ser un día para a reinvindicación, para ocupar o espazo, para estar presente... E tamén para a festa. A Quintana acollerá a manifestación prevista para as 20:30, e a partir das 23:00, a actuación da cantante Mercedes Peón, do dúo Astrud, e de varios artistas máis.
Mercedes Peón é unha das principais figuras da música galega actual: recupera a esencia da tradición musical para reformulala a través de novos soportes: o mesmo toca o sacho que a pandeireta ou a gaita, sen deixar de mesturalo todo con efectos electrónicos, reconvirte as letras das coplas tradicionais e ensambla estilos como as cantigas de berce e o reggae.
Cambiando totalmente de terzo,
Astrud volve a Compostela, logo do seu paso pola
Capitol. Manolo e Genís traen de novo un espectáculo cargado de humor, música e moitas cousas máis do seu último disco,
Austrohúngaro. E para rematar a festa, teremos a actuación do dillei Bolmer e de varias drag queens: Afrodita, a luguesa Sálida e Hilaria la Proscrita, que forma grupo (as
Queempostelas) con Elvira Galáctica, Mari Cruz de la Croix e Anorexia Nerviosa. As catro xuntas reivindican a figuras como Ana Kiro e Pili Pampín, e son embaixadoras do movemento drag galego alá onde van.