Roteiro de Creación
Por segundo ano consecutivo a iniciativa 'Roteiro de creación', permitirá aos habitantes e visitantes da cidade achegarse aos obradoiros dalgúns dos máis importantes artistas da cidade.
O Roteiro de Creación é un proxecto creado e organizado polas artistas Maria Chenut e Reina D'Hoore, e é posible grazas á colaboración de: Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, Concellaría de Promoción Económica e Turismo, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Turismo de Santiago, Biblitoeca Pública Anxel Casal, Colexio de Arquitectos de Santiago, Fundación Caixa Galicia, Litonor, E-burbulla, Casa das Crechas e TV Media.
O Roteiro é un itinerario que permite aos cidadáns, transitar polos espazos de traballo de artistas diversos, así como polos lugares de difusión das artes da cidade.
O programa de actividades inclúe a creación dun mural colectivo chamado Debúxame Santiago, varias exposición colectivas, a produción de proxectos específicos e cursos monográficos de banda deseñada, creatividade, mail art, arte e ecoloxía, entre outros.
É unha oportunidade para que o visitante poida tomar contacto coas obras e creadores de diferentes xeracións, procedencias e estéticas, que conforman a diversidade da creación contemporánea en Santiago: grabadores, pintores, escultures, fotógrafos, serígrafos, xoieiros.
O percorrido -autoguiado- poderase estabelecer grazas a un mapa que contén a localización dos obradoiros, galerías e centros socioculturais, e toda a programación, dispoñible no punto de información do Roteiro, oficinas de turismo, galerías, centros socioculturais e demais espazos expositivos, ademais do reparto que se fará polas rúas durante os días de duración do Roteiro.
O Roteiro quere contar coa opinión do publico e para iso propón a Operación Flechazo. Os Flechazos permitirán ao público expresar de xeito concreto as súas impresións sobre as obras expostas. O público poderá asignar puntos, dun ata cinco corazóns a todos os artistas que visite, nun formulario que atopará nos talleres e centros socioculturais, que se entregará, unha vez cumprimentado, no punto de información do Roteiro.
O Roteiro propón unha exposición individual ao que máis votacións reciba e unha colectiva aos catro finais restantes, para a edición do Roteiro 09.