Varios artistas
Catro das voces máis novas da nosa poesía e dúas bailarinas que están a dinamizar a danza dende o seu Laboratorio de Movementos, na Rúa do Medio, enchen de poesía e danza a Praza da Angustia, no medio das festas de San Pedro.
Interveñen:
Daniel Salgado (Monterroso, 1981) é xornalista, membro activo do Cineclube Compostela, e na súa andaina poética xa acadou o II Premio Uxío Novoneyra, polo seu poemario, Sucede, e o XXIV Premio Esquío, promovido pola Sociedade Valle-Inclán e Caixa Galicia, con Días no Imperio. Conta que unha das súas influencias é Allan Ginsberg, a quen ten traducido, e que destaca, da poesía galega, a Manuel Outeiriño (prologuista de Sucede), Chus Pato e María do Cebreiro. Tamén ten traballado no eido audiovisual, no documental O río é noso, onde se denuncia o estrago da comarca da Ulloa polos encoros.
Antía Otero (A Estrada, 1982) publicou en Espiral Maior O son da xordeira, con prólogo de Marica Campo. Fixo Historia da Arte e é membro do consello de redacción da Folla Voandeira de Poesía "Augas verso". Agora cursa o Máster en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid e fórmase como actriz na Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto en Santiago de Compostela. Cunha actitude inxenua pero tamén crítica, abordou o tema da explotación laboral das mulleres, indo a un sector no que esta incide con saña, o téxtil, e recorrendo a mitos como o de Penélope. Desmontando o androcentrismo dende os seus versos, é unha das poetas máis novas das nosas letras, rostro da AELG en moitas das presentacións de Poeta en Compostela.
Blanca Novoneyra e Bárbara Monteagudo teñen unha longa experiencia no mundo da danza, dende o ballet clásico até achegas máis innovadoras. A proposta do Laboratorio de Movementos tenta democratizar a danza a todos os niveis, para o público e para a xente que quere bailar. É un proxecto moi integrador que abrangue tamén proxeccións de cinema experimental, exposicións que mesturan poesía e imaxe... Branca estudou políticas e na actualidade está a doutourarse sobre e Didáctica da Danza. Bárbara ten un mestrado en Expresións Artísticas, e bailou en diferentes compañías: Trespasando, DruídaDanza, Grupo Multiartístico Proxecto Ninguém e Danza Actual.
María Lado (Cee, 1979) é unha das poetas máis novas e con máis talento da literatura galega actual. Dende A primeira visión aos vídeopoemas da actualidade, pasando por Casa atlántica, casa cabaret, e Berlín, publicado o ano pasado en 'Poeta en Compostela', a súa poesía é directa, cotiá e sinceira. E Lucía Aldao (A Coruña, 1982), autodefinida "a poeta analfabeta", o seu carácter de artista dispersa fai que todos os seus actos, recitais, concertos sexan unha experiencia nova e estimulante ademais de se afastar do que se asocia tradicionalmente á poesia. Cantante e guitarrista mutante, guionista e animadora cultural, é asidua das celebracións-performances de Maribolheras precárias .
Ten gañado varios premios, como o Tanxedoira, o Francisco Fernández del Riego, o Minerva e o Premio de Poesía d'O Facho. Participou nas antoloxías O trazo aberto, Negra Sombra, Os gozos e as sombras e Forxa literaria. Publicou Unha dúcia mais un con fotografías de Luis Muñoz, e foi actriz e guionista na obra Dillei, de Carlos Blanco. Preparou con María Lado Onde esté un cubata que se quite un soneto, un recital de poesía con proxeccións e música electrónica, e podemos escoitar un poema dela no especial de Vieiros "Nas túas orellas". Entre as dúas, coa axuda de Pepa Yáñez, téñennos preparada unha sorpresa para o sábado.