ZARDIGOT NO PRINCIPAL
A guerra segundo Euloxio Ruibal
(26/04/2007) O Teatro Principal acolle, o xoves 26 e o venres 27 de abril, a posta en escena que Espello Cóncavo fai deste texto, escrito en 1973, mais de plena actualidade. Con Zardigot, Euloxio Ruibal obtivo o primeiro premio no Concurso de Obras Teatrais "Abrente" en Ribadavia. Agora poderemos vela en Compostela cunha nova feitura, que non cambia a súa mensaxe de fondo: o absurdo da guerra.
Lucía Regueiro como Sabela. Arriba, Oswaldo Digón como Fuco e Xavier Pan interpretando a Xaquín, e na portada, Ana Santos, a protagonista (Estrela)
Estrela é ama de casa que vela pola súa familia. Asistimos á transformación e posterior destrución do seu medio persoal e social. Unha guerra fraticida, de exterminio, que racha con todos os valores de convivencia e que extrae o peor da condición humana: a violencia irracional. A través do exilio de Estrela vemos como a guerra é especialmente cruel cos febles e indefensos, cos vellos, coas mulleres... Tampouco ela se salvará. É unha muller.
Zardigot é unha alegación contra a guerra. Contra todas as guerras.
O texto foi escrito nos últimos anos da ditadura, fuxiu como puido da censura e finalmente foi merecedor do premio Abrente da mostra de teatro de Ribadavia. Agora, cunha perfecta alianza entre autor (Euloxio Ruibal) e director (Arturo López),
Zardigot é posta en escena por primeira vez por unha compañía profesional,
Espello Cóncavo. Cunha nova estética, a de traxedia grega, mantense a mensaxe orixinal: a guerra sempre é barbarie. Aínda que hai guerras especialmente crueis: a "mal chamada guerra civil" ou a guerra entre irmáns. "Tampouco é o mesmo unha guerra imperialista ou invasora e outra de liberación nacional", ten especificado Ruibal, "nin é o mesmo un bando có outro". A guerra é abordada dende as persoas que a sofren e a fan.
Mergullados na traxedia
Ruibal enfrontou cara a cara un tema tabú nos últimos días do franquismo. "Estabamos saíndo do burato negro da atrocidade e da miseria e ninguén quería ollar cara atrás. Soñábase un futuro de progreso. Porén, as feridas aínda non cicatrizaran. E había medo. Moito medo. Un medo que mantiña as bocas pechas, os ollos arregalados, as almas presas, esmagadas, compunxidas". A barbarie do momento era Vietnam, pero a nosa propia traxedia seguía ""agachada nos escuros currunchos do foro". Ruibal quixo sacala ao proscenio. Eros e tánatos, Apolo e Dionisos, a tríade tráxica (sufrimento, culpa e morte) e o drama hermesíaco, conflúen nunha montaxe que retoma as orixes mesmas do teatro. "De forma inevitábel volvemos sempre a Grecia. Quizás por mor do poder dos mitos, da súa eterna pervivencia. Xa afirmou, Marguerite Yourcenar que as guerras son variacións ou ecos da guerra de Troia; eu non vou agora a contradicila". Cun xeito de contar a época que lembra a Brecht, e quizais unha posta en escena da violencia propia de Artaud.
Para interpretar a Estrela, a experiencia de Ana Santos, que xa ten abordado traxedia grega n'
As troianas, de Eurípides, en versión de Manuel Lourenzo. O contacontos e monologuista Oswaldo Digón, os veteráns Uxío Losada, Xosé Luís López Fernández 'Sacha', Rodrigo Roel, X. A. Garrido 'Gari', Xavier Pan e os máis novos Manuel Fernández e Lucía Regueiro, integran o elenco desta produción da que poderemos gozar estes días en Compostela.