Compostela cultura

Estás en: Destaques > Teatro e danza > Estranxeiros de si mesmos
Cartel de Emigrados

EMIGRADOS

Estranxeiros de si mesmos

(22/02/2007) Teatro de Ningures achega aos escenarios Emigrados, un mosaico de historias escritas por cinco autores galegos contemporáneos arredor da emigración.

O Tartufo visto por Teatro de Ningures

O Tartufo visto por Teatro de Ningures

A novelista Anxos Sumai é autora dun dos textos de Emigrados

A novelista Anxos Sumai é autora dun dos textos de Emigrados

Cinco perspectivas - as de Anxos Sumai, Cándido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos - desde as que reflexionar sobre a emigración , a inmigración, o retorno e o desenraizamento e valorar o drama individual e social que supón este xeito de exilio. Un exilio que supuxo para Galiza acontecemento socioeconómico máis relevante e significativo do pasado século XX.

A emigración e teatro galego
Se ben a novela, a poesía e o ensaio galegos trataron o tema da emigración polo miúdo, o teatro do noso país non se achegara polo miúdo ata este fenómeno. Nos últimos tempos estáse a producir por parte do xénero dramático un interese pola temática da emigración. Podémolo apreciar en Final de Película de Gustavo Pernas, representada por Áncora Producións, e pola que o seu autor está de novo nomeado como mellor autor en galego para a X Edición dos Premios Max, ou con Pola noite diante dos bosques a adaptación realizada por Teatro Dom da obra de Bernard Marie Koltés,
un monólogo dun estranxeiro que foxe da soidade nunha grande cidade que lle é hostil.

Os autores de Emigrados
Os textos de Cándido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Torre son a base para a esta montaxe dirixida por Etelvino Vázquez. Cándido Pazó e Xosé Manuel Pazos teñen unha recoñecida traxectoria dentro da escrita dramática galega; o primeiro foi nomeado nos Premios Max do 2006 como mellor autor teatral en galego por García, e o segundo é autor, entre moitas outras da peza María Soliña realizada sobre textos históricos e poemas de Celso Emilio Ferreiro. O multipremiado Suso de Toro, aínda que máis recolecido pola súa obra narrativa e ensaística xa conta con textos representados sobre as táboas como Tic-Tac ou Círculo . A novelista Anxos Sumai e a xornalista Sonia Torre estréanse como escritoras dramáticas cos textos escritos para esta montaxe.

Teatro de Ningures
Máis de vinte anos de historia e máis de vinte montaxes teatrais fan de Teatro de Ningures unha das compañías máis sólidas do panorama teatral galego que participa, de xeito habitual e desde os seus comezos, na rede de teatros e circuítos teatrais dos concellos de Galiza, ou en campañas de captación de público escolar, así como tamén en numerosos festivais e xornadas teatrais do país e do resto de España e Portugal.

Entre as súas montaxes máis recentes destacan Misericordia de Benito Pérez Galdós (2006), Tartufo de Molière (2005), Troianas de Eurípides (2004) ou Círculo, sobre a novela de Suso de Toro (2003).

Máis destaques de teatro e danza
FICHA TÉCNICA
Textos
  • Deus está de vacacións, de Anxos Sumai
  • Dúas mamás, de Cándido Pazó
  • Memoria, de Sonia Torre
  • Ítaca, de Suso de Toro
  • Ida e volta, de Xosé Manuel Pazos

Ficha técnica
  • Reparto: Sonia Rúa, Santiago Cortegoso, Mónica Camaño, Fran Paredes, Salvador Del Río e Casilda García
  • Equipo técnico: Paco Alfaro e Héctor Pazos
  • Escenografía: Pablo Giráldez 'Pastor'
  • Vestiario: Carlos Alonso
  • ]Música: ]Anxo Graña
  • Fotografía e cartel: Diego Seixo
  • Iluminación: Etelvino Vázquez
  • Produción:Pepa Barreiro
  • Axdte. de dirección: Zé Paredes
  • Dramaturxia e dirección: Etelvino Vázquez

Datas: 23 e 24 de febreiro de 2007 ás 20:30 horas.

Lugar: Salón Teatro. Rúa Nova, 34. 15704, Santiago de Compostela. Teléfono: 981 581 111/ 981 581 572/ 981 586 681
Enquisa

Remata febreiro con moi boas propostas de teatro e danza