Compostela cultura

Estás en: Destaques > Teatro e danza > A hora da lucidez, na última...
Arantza en 'Psicose'

'PSICOSE 4.48' ABRE O ZOONA ALTERNATIVA

A hora da lucidez, na última obra de Sarah Kane

(20/02/2007) Suicidouse con 28 anos, deixando un legado de obras teatrais que foi un auténtico revulsivo da escena contemporánea. A británica Sarah Kane foi a precursora do teatro 'In Yer Face' (Nos teus fuciños), atrevéndose a xogar con códigos que nunca foran explorados. Por primeira vez, un dos seus textos vai ser representado en galego, da man de Nut Teatro, para inaugurar o Festival Zoona Alternativa, organizado pola Nasa.

Sarah Kane. Arriba, Aranzta Villar, e na portada, escenas dos ensaios

Sarah Kane. Arriba, Aranzta Villar, e na portada, escenas dos ensaios

"Crear algo fermoso a partir da desesperación é para min o máis esperanzador que hai".
Sarah Kane

Dende o 21 até o 25 de febreiro, a Sala Nasa acolle a estrea desta montaxe, que abre a porta do festival Zoona Alternativa. Unha mostra do máis innovador das artes escénicas que durará até finais de marzo, e congregará na sala de San Lourenzo interesantes propostas da danza, o teatro e a música contemporáneos.

Para abrir boca, Nut Teatro, a quen puidemos ver recentemente no Teatro Principal con Corpos disidentes, asume un enorme reto: interpretar por primeira vez en galego un texto da autora Sarah Kane. E non calquera texto: a súa despedida dos escenarios e do mundo. Psicose 4.48 fai referencia á hora de maior lucidez das persoas que son sometidas a tratamento psiquiátrico. É a hora na que a confusión provocada pola medicación se esvaece. Tamén á hora na que máis persoas se suicidan. A propia Kane suicidouse pouco despois de escribir este desgarrador poema escénico.

Máis ca unha obra convencional, con personaxes, trama argumental, e parámetros de tempo e lugar, o texto é un canto desesperado, un poema totalmente lúcido co propio sentimento: a desesperanza. O texto foi traducido por Marta Díaz e Andrea Pino, quen tamén cometeu o labor de axudante de dirección. A compostelá é licenciada en Filoloxía Hispánica e posgraduada en arte dramática pola USC. É coautora e actriz no cabaret Virxes, e colabora como crítica literaria en diversos medios. Na dirección figura Carlos Neira, promotor do teatro máis innovador e da Escola Espacio Aberto. Tamén é intérprete, xunto con Arantza González Villar.

A autora 'reventada'
In Yer Face theatre é unha corrente de teatro extremo, que bate frontalmente na face do espectador: agresivo e provocativo, emprega todos os recursos teatrais e parateatrais (a linguaxe, a imaxe, as normas morais) para sacudir a conciencia.Comezou a xestarse nos 60 a partir das teorías de Alfred Jarry (autor de Ubu Rei) ou Antonin Artaud, quen escribiu o manifesto 'Teatro da Crueldade' en 1932. Sarah Kane foi a quintaesencia desta nova dramaturxia.

Sarah Kane enforcouse con vinte e oito anos. A súa brillante carreira na dramarturxia comezou no 95 con Blasted (Reventado), unha durísima obra de tres personaxes entre os que se suceden violacións, actos de canibalismo, e escenas de contido moi escatolóxico ou violento. Pero máis violento cá forma era o contido: un home que ten noxo da vida. Reventado. A estrutura era moi innovadora, cunha primeira parte totalmente naturalista e un segundo acto que progresivamente é máis surrealista e se converte nun pesadelo. A crítica británica cargou contra ela. A esta obra seguíronlle Phaedra's Love (1996), Cleansed (1998) e Crave (1998). Nesta última obra, os catro personaxes carecen de nome e de personalidade, e non hai acotacións de tráfico escénico. O seu texto podería ser intercambiado entre eles. Algo semellante acontece en Psicose 4.48, que foi estreada no 2004, no Royal Court de Londres, cinco anos despois de ser escrita. Está cargada de humor negro: "Soñei que fora á médica e me dera oito minutos de vida. Estivera sentada na puta sala de espera media hora", e segue a liña de toda a obra de Kane que a converte nun clásico: Mark Ravenhill ten dito do teatro de Kane que non explica as cousas: "preséntaas con esas situacións extremas tan austeras. É a única escritora contemporánea que ten esa sensibilidade clásica". de feito, ela admirada a Beckett pola súa capacidade para sacar humor da escuridade. "Crear algo fermoso a partir da desesperación é para min o máis esperanzador que hai".

Máis destaques de teatro e danza
Adxuntos
FUNCIÓNS
Datas: do 21 ao 25 de febreiro
Lugar: Sala Nasa, Cabo San Lourenzo 51-53. Santiago de Compostela. Teléfono: 981 573 998
Horario: 22.00
Prezo: 8 €, 6 € para estudantes e persoas no paro, 4€ tripulantes. 6 € pola Rede.

Psicose 4:48, de Sarah Kane
Compañía: Nut Teatro
Dirección: Carlos Neira
Axudante de dirección: Andrea Pino
Tradución: Marta Díaz e Andrea Pino
Elenco: Arantza Villar, Carlos Neira