A FACTORÍA NO PRINCIPAL O 16 E 17
Tío Vania despídese das táboas en Compostela
(15/09/2006) Derrota, desespero, vellez nunha sociedade paralizada que se aferra ao traballo. Falta tempo aínda para a revolución bolxevique e non é doado vivir no zarismo. A anguria existencial e cansancio vital dos personaxes de Chejov, propias dun contexto histórico e espacial pero ao mesmo tempo universais, son resucitadas esta fin de semana nas táboas do Principal, da man da Factoría Teatro, nunha montaxe que foi a triunfadora indiscutíbel da anterior edición dos Premios María Casares.
Rocío González. Arriba, con Vicente Montoto e Feli Manzano, e na portada, Anabell Gago con Xan Cejudo ao fondo
Alfredo Rodríguez
"Non hai maneira de escribir ben, claramente, o que esta peza nos fai nacer na alma, pero eu sentei aí a ver eses personaxes: era como se me aserrasen en dous cunha vella serra (...) Para min O Tío Vania é unha forma absolutamente nova na arte dramática, un martelo co que golpeades nos cráneos baleiros do público."
Alexis Maximovith Piechkov, Gorki, nunha carta a Chejov, en novembro de 1898.
Para Stanislavski, "Chejov é o poeta do cotián, o poeta das xentes grises." Os temas que se poden extrapolar ao imaxinario colectivo universal, arquetípicos, son "a insatisfacción paralizante de toda iniciativa, a desesperanza abatendo toda enerxía, os espazos inmensos ode o eslavo pode dar curso a esa "morriña" que lle é propia dende o seu nacemento."
A mellor montaxe, a mellor dirección (Cristina Domínguez, actual directora do
CDG), mellor actor (Xan Cejudo) e actriz (Anabell Gago) protagonistas, e mellor tradución (Alexandra Koss). E aínda había outras candidaturas: a da actriz Rocío González, o actor Roberto Leal, o vestiario, de Carlos Alonso, a iluminación, a cargo de Paco D'Pink, a música de Ugia Pedreira. Sen lugar a dúbidas, O Tío Vania, da
Factoría, foi a obra triunfadora na última edición dos premios María Casares. Non o tiñan doado: era un clásico, con oito actores e unha trama algo complexa ("empeza como unha comedia costumista, segue como un culebrón e remata como un western", segundo Goldi, o "novo" Tío Vania despois de Xan Cejudo). Mais a obra tivo moi boa acollida, e logo dunha exitosa xira por toda Galiza, regresa a Compostela, onde foi estreada e chegou a estar un mes na sala Nasa, desta vez no Principal.
Factoría de mundos
A compañía está nun momento no que queda en evidencia a súa calidade: ademais de arrasaren nos María Casares con este clásico, levan tamén adiante un texto ben máis contemporáneo,
Os homes só contan até tres, de Antón Lopo, nunha proposta máis interdisciplinar, na que o elenco se reduce a catro personaxes e interactúan na escena vídeo, música e traballo actoral. Fundada no 92 por Alfredo Rodríguez e Cristina Domínguez, nestes anos acumularon éxitos como
Para o leste do Gantry de Edwar Thomas,
Na soidade dos campos de algodón de Bernard Mariè Koltès ou
Coitelos nas Galiñas de David Harrower entre outros.
Baixo a dirección de Cristina Domínguez, deu en xuntarse un elenco espectacular, que ademais partiu da enriquecedora experiencia, como indica Rocío González, de pertenceren a xeracións moi diferentes: Pilar Pereira non ten medo de recoñecer a súa idade: "subín a un escenario por primeira vez con dez anos, e levo sesenta sobre as táboas, así que botade contas." Unha das grades damas da nosa escena, xunto a outras figuras como Dorotea Bárcena, é tamén dramaturga. Ten escrito textos para a súa filla, Camila Bossa, como un cabaret no que saía xunto con Marta Pazos. No cinema puidémola ver recentemente no filme de Chano Piñeiro
Eu, o tolo (1982),
Nena (1997),
Tanto ten (2000),
León e Olvido (2004), e a curta
Madres, este ano. Curtida en DITEA, a compañía de teatro afeccionado máis antiga do Estado en activo, aínda segue sobre as táboas. Desta volta encarna a María. Outra veterana, Feli Manzano, interpreta a Marina. Fáisenos coñecida polo seu papel nunha das series máis vistas da televisión pública,
Pratos combinados, pero o certo é que xa ten unha longa traxectoria como actriz dramática que comezou nos TEU: Valle Inclán, Arrabal, Strindberg, Fassbinder, Otero Pedrayo, máis Chejov (xa fixo
As tres irmáns co CDG).
Igualmente veteráns son Xan Cejudo, o primeiro Vania, mercedor do María Casares e do Maruxa Villanueva á mellor interpretación. Comezou nos 60 co Facho e logo incorporouse ao CDG. César Martínez "Goldi", en quen recaeu agora o personaxe, é outro experimentado actor. Ademais de en series como
Cuarto sen ascensor ou
Un mundo de historias, puidémolo ver recentemente n'
O ano da carracha, de Jorge Coira, ou na curtametraxe
Retrato, de Jairo Iglesias.
No reparto están tamén Roberto Leal, un "Teleguin" formado na Arxentina e logo en Teatro Galileo, Teatro da Lúa e Matarile. Ten contribuído con pequenos papeis a longametraxes como
A los que aman (Isabel Coixet, 1998). Co papel de Serebriakov atrévese Vicente Montoto, quen tamén debutou en Bos Aires e desde entón ten desenvolvido un longo percorrido como actor, director e autor teatral, ademais de pasar polo cinema, a televisión e a radio. Alfredo Rodríguez fixo tamén algunha intervención no cinema:
A lei da fronteira,
Fuxidos ou
Terra de rencores.
E despois están as dúas actrices máis novas e prometedoras: Rocío González, a quen puidemos ver hai pouco sepultada baixo moreas de cousas nunha
performance coas 3 Marías no CGAC, é ademais axudante de dirección (n'
Os homes contan até tres). E Anabell Gago, dunha familia de actrices de Carril (Ursia é axudante de dirección nesta montaxe), xa ten demostrado o seu eclecticismo e capacidade de adaptación: de punki vingativa no
Vendetta de
Berrobambán a criada resignada con lagarta, lagarta en Carambola, e agora, a protagonista d'
O tío Vania, premiada cun María Casares que, asegura, marca un fito a súa carreira.
Un clásico atemporal
Para o elenco non foi difícil meterse na pel duns personaxes, que, aínda marcadamente localizados e contextualizados nun período histórico, nos últimos e decadentes anos da Rusia zarista, representan dramas universais. Chejov critica sen perder o humor uha burguesía acomodada e frustrada no fondo, uns seres humanos que vive na anguria e escoller entre os seus propios desexos e o lugar que a sociedade lles marca. Cando Goldi tivo que afrontar unha responsabilidade como a de encarnar a Tío Vania, máxime despois de facelo Xan Cejudo e merecer un María Casares pola interpretación, falou con el para acometer a construción do personaxe, e Cejudo respondeulle: "Tes que entender a Vania."
Anton Chéjov escribiu Tío Vania en 1897, reflexionando sobre o paso do tempo, a hipocrisía, as emocións humanas... Ademais de como novelista (
Historia melancólica,
O pavillón número 6,
A estepa), o que é unha das figuras claves da literatura rusa decimonónica foi, ante todo, dramaturgo: a anguria de Nina, protagonista d'
A gaivota,
O xardín das cerdeiras, ou
As tres irmás amosan o seu realismo, non exento de humor. Para Stanislavski, "Chejov é o poeta do cotián, o poeta das xentes grises." Os temas que se poden extrapolar ao imaxinario colectivo universal, arquetípicos, son "a insatisfacción paralizante de toda iniciativa, a desesperanza abatendo toda enerxía, os espazos inmensos ode o eslavo pode dar curso a esa "morriña" que lle é propia dende o seu nacemento."