Teatro do Aquí adapta este texto de Roberto Vidal Bolaño: é unha ópera para bandidos, protagonizada por delincuentes, que ameniza anualmente a festa da Asociación dos Amantes da Ópera Italiana. Os atracadores xuntan cartos para poder escenificar a historia de Mackie Navallas e quedar coa volta.
Despedida das táboas e homenaxe ao fundador
O grupo mantén a lembranza de Vidal Bolaño recuperando este texto e adaptándoo á comedia musical. Con esta peza do seu fundador, Teatro do Aquí despídese da escena. Belén Quintáns, responsábel da compañía, sostén que cada vez é menos doada a supervivencia do grupo. Por iso recorren a esta obra, que non quedara "redonda" (agora, coas achegas musicais, pódese dicir que está completa), e que devolve o espírito de Bolaño á rúa: é unha historia de esmolantes, de bandas e de suburbios.
Dirixido polo actor brasileiro Marcos Orsi, o elenco conta entre os seus integrantes con intérpretes xa curtidos no mundo do cabaré e da música, como Pepa Yáñez, que xa leva anos traballando xunto a Davide Salvado no
Cabaré D'Aquí, recuperando a música tradicional galega con moito humor e purpurina. Xavier Camba ten tamén experiencia coma percusionista en varias montaxes teatrais, e Javier Debesa ten colaborado con Siniestro Total, co seu acordión. Os dous son parte, xunto co gaiteiro Cándido Lorenzo, do grupo folc "Na Lúa."
Historia de Mac Navalla
A ópera de a patacón (
Die Dreigroschenoper) naceu en 1728 da man de John Gay: a sátira operística,
The Beggar's Opera ten coma protagonista a Mac Heath, elegante na versión orixinal, e convertido nun antiheroe violento e vicioso que se ve a si mesmo coma un home de negocios na versión Brecht-Weill.
Foi o dramaturgo Bertolt Brecht, xunto cun compositor chamado Kurt Weill, quen a rescatou dous séculos despois para levala á escena, en pleno auxe do cabaré alemán. Foi unha aceda crítica ao capitalismo e á alienación técnica. Cunha fonda influencia do jazz, houbo cancións que pasaron á historia, coma a
Die Morität von Mackie Messer de apertura, que foi adaptada por Louis Armstrong coma
Mack the Knife (Mac o Navallas), e máis tarde se converteu nunha icona pop da man de Bobby Darin.
A historia é a seguinte: Mac Navalla casa con Polly Peachum, contra a vontade do pai dela, Jonathan Peachum. Utiliza toda a súa influencia política para arrestar a Mac, que logo se fuga e volve ser capturado. Abondosa en parodias do happy ending e da sociedade capitalista, a obra foi representada unhas dez mil veces e traducida a dezaoito linguas.
Vidal Bolaño estrenara o seu texto,
A ópera de a patacón: versión libre para charanga e comediantes pouco ou nada subsidiados, arredor de textos de John Gay e de Bertolt Brecht no 94, e agora teremos oportunidade de volvela ver musicada.