Mofa e Befa
A formación cómica por excelencia do teatro galego, o xenial tándem formado por Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira, presentan: Sempre ao lonxe (ou decadencia étnica). Desta volta con máis música e, coma sempre, coas doses de humor acedo que caracterizan cada unha das súas montaxes.
Sempre ao lonxe (ou a decadencia étnica)
Compañía: Producións excéntricas
Director: Quico Cadaval
Elenco: Evaristo Calvo, Vítor Mosqueira (Mofa e Befa), Piti Sanz
Distribuición: Eme2
Idioma: galego
Duración: 75'
Nos últimos 15 anos a ciencia impugnou para sempre a idea ou preconcepto do século XIX que afirmaba que os seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes científicos destruíu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crían superiores, inferiores ou simplemente distintas de outras. A superstición racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a superstición amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou "As tribulacións dun chinés na China"... O desencriptado do mapa xenético humano mandou ao caixón das lembranzas todo isto.
Sempre ao lonxe é un título cheo de saudade que nos suxire, por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que cremos diferentes de nós. Espectáculo tinxido pola vontade sempre didáctica e de servizo público que anima a Mofa e Befa, presentado por un inquedante padre misioneiro, ten no comezo un aspecto de velada cultural con intención benéfica.
Preséntase un baladista milanés que acumula a información xénetica de toda a especie humana, logo veñen os romenos arousáns, especialistas na doma ritual de animais selvaxes; ocupa o centro do espectáculo un candoroso misterio medieval que tén como motivo a alianza (ou, para sermos exactos, a simbiose) entre un cego e un tolleito, mendigos, e a viaxe que fan na busca dun milagre. Cunha moralidade chea de resonancias de actualidade, expón, dun modo divertidísimo,a sospeita de que as diferenzas económicas son máis determinantes cás étnicas. A continuación, os moinantes, os andarillos, os ambulantes, os que non se recoñecen parte de ningunha raza nen pertencentes a ningunha patria, presentan un número cheo de melancolía, dignidade e neorrealismo. Esa música siciliana tocada por artistas populares conforma o momento mais intimista do espectáculo. É o descanso que precede ao furacán do astracán e o grotesco, o prato forte de Sempre ao lonxe: os flamencos abertzales. Os dous grupos culturais mais definidos do territorio do reino de España únense e o resultado parece mais fruto da enxeñería xenética que dun antollo da natureza. A música alegre do tablao euskaldun coa súa mestura de de rumba e aurresku, condúcenos ao final da velada. Aí descobrimos as verdadeiras intencións dos executantes e que intereses se agochaban atrás daquel espectáculo benéfico, ou como se di agora, solidario. Non faltarán momentos de auténtica emoción, alta cultura e teatro clásico. Todo isto, iso si, en doses homeopáticas, non vaia ser que se engane alguén do público.