Os conflitos e a miseria do mundo, en imaxes
(14/09/2009) Latexos dun mundo convulso é unha mostra fotográfica colectiva que dirixe a súa mirada cara a algúns dos escenarios máis castigados do planeta nas tres últimas décadas. Comisariada por Sandra Balsells, a exposición reúne un cento de imaxes tiradas por dez fotoxornalistas de prestixio no ámbito estatal actual.
Latexos abre unha fiestra desde a que observar a cara máis amarga do mundo. Esta mostra de fotografía de conflito aproxímase á inxustiza, á guerra, á miseria, á dominación e ás múltiples caras de todas elas, dirixindo a atención cara a aquelas persoas que máis as sofren.
A mostra reúne un cento de fotografías realizadas por dez dos máis destacados fotoxornalistas do ámbito estatal na actualidade: Javier Bauluz, Clemente Bernad, Paco Elvira, Cristina García Rodero, Santiago Lyon, Kim Manresa, Enric Martí, Fernando Moleres e Gervasio Sánchez, ademais de Sandra Balsells, comisaria da exposición. O corpus da mesma recolle instantáneas tomadas desde 1974 até a actualidade.
A galería de imaxes dá conta das consecuencias de conflitos armados e crises políticas coma os da ex Iugoslavia, Ruanda, Medio Oriente ou Xeorxia, así como da degradación humana expresada en fenómenos como o da inmigración cara a Europa, a prostitución infantil no Brasil, a pobreza en Calcuta ou a violencia contra as mulleres en Afganistán ou Bangladesh.
Latexos dun mundo convulso está organizada en colaboración con Obra Social de Caja Madrid e creada a partir dunha idea orixinal de Lunwerg. A mostra poderá visitarse no Auditorio de Galicia do 17 de setembro ao 22 de novembro de 2009.
Máis destaques de plásticas