Últimas actividades do Roteiro de Creación
(26/05/2009) O Roteiro de Creación é unha cita anual que permite aos cidadáns transitar polos talleres de artistas, espazos expositivos e demais lugares de difusión das artes en Santiago de Compostela. Ademais das visitas libres aos talleres, eixo vertebrador da iniciativa, esta nova edición irá acompañada dunha intensa programación que inclúe interesantes actividades para todos os públicos. O Roteiro, que remata o domingo 14 de xuño, celebra esta fin de semana as súas últimas xornadas.
Este evento singular e de referencia, que estabelece un diálogo fecundo entre a cidade, as artes, os seus produtores e a cidadanía, a través das súas Xornadas de Portas Abertas e coa participación de máis de 50 creadores, ten unha nova cita co público de Santiago de Compostela, turistas e demais visitantes, para celebrar a súa terceira edición.
Para os que aínda non coñecen a filosofía do proxecto, Roteiro de Creación promove este evento artístico máis alá da participación de axentes tradicionais de validación e adquisición de prestixio no sistema artístico, favorecendo o diálogo con produtores de diferentes técnicas, xeracións e estéticas, consagrados e emerxentes, xa que esta pluralidade é un dos seus atractivos.Roteiro de Creación conta cun equipo de traballo que concibe, planifica e coordina todas as actividades estimulando a participación na creación e produción cultural, xa que conformar novos públicos e novos creadores revitaliza o feito artístico.
Nesta terceira edición, como novidade, amplíase a participación do público con dúas propostas ben diferenciadas: a posibilidade de inscribirse para participar en numerosos e interesantes Cursos e obradoiros para nenos e nenas e adultos o que aporta unha nova dimensión pedagóxica ao proxecto, e ademais, a de asistir ao Roteiro en Estado Crítico, unhas xornadas nas que artistas, deseñadores e outras persoas implicadas na produción e difusión da cultura, reuniranse para reflexionar e debater sobre as posibilidades do traballo creativo na sociedade actual en tempos de crise. Para isto contarase con representantes do ámbito creativo, de investigación e crítica, da educación, e de xestión cultural.
Unha vez máis e logo do éxito obtido na pasada edición, reeditarase a Operación Frechazo, convite para que o público poida valorar con corazóns nunhas amorosas postais, a obra dos artistas visitados e cuxo premio consiste na xestión dunha exposición individual no Roteiro de Creación 2010 ao artista que máis corazonadas reciba e unha colectiva para os outros catro finalistas.
Cursos e obradoiros
As actividades comezarán o 1 de xuño coa visita ao taller de estampación sobre teas de Tita Fraga, no que se practicará a confección de prendas de téxtil no que se utilizarán como soporte as telas previamente estampadas. Do 2 ao 5 de xuño a actividade mudará á Fundación Granell, cun obradoiro de técnica Waldorf para todos os públicos. Da man de Mirari Urruzola os máis pequenos da cidade poderán aprender a construír faroliños, en sendos obradoiros que terán lugar na praza do Toural e na Fundación Granell.
Xa ni taller de Do Paraná desenvolverase o taller experimental Lueiro de gravado e novas tecnoloxías. Namentres, en Casas Reais, con María Meijide, desenvolverase un taller de debuxo para mozos e mozas maiores de 12 anos titulado O ollo vago. As actividades complétanse co mail-art de Manoel Bonabal, na Biblioteca Ánxel Casal, e un taller de presenza escénica e potenciación da creatividade, da man de Barbarakay Cisterna Mai e Liana Vella.
Máis destaques de plásticas