A partir do mes de febreiro de 2009, o Auditorio de Galicia acolle nas súas salas a exposición retrospectiva de
Antón Mouzo (Vimianzo, 1957 - A Coruña, 2007). A mostra presentará un percorrido polas obras realizadas dende principios dos anos oitenta ata as súas derradeiras producións.
O traballo de Antón Mouzo desenvólvese en diferentes liñas simultáneas nas que un dos temas principias é a representación da Natureza por medio de metáforas mediante as que o artista conforma o seu universo particular. As obras presentan constantes referencias ao seu entorno -Vimianzo- que o autor utiliza para construír un discurso sobre si propio.
De formación autodidacta e un gran coñecedor da historia da arte, a súa obra reflicte unha fonda influencia da arte galega, dende o románico aos renovadores, sen esquecer outras formulacións internacionais como Hockney ou Bacon, aos que admiraba. Sorpréndenos cunha obra na que se detecta o espírito dun creador inquedo que explora continuamente e que se expresa por medio de diferentes poéticas, como o pop, o neoexpresionismo, a figuración, a abstracción ou a fotografía, sen esquecer tampouco o uso das novas tecnoloxías.
Unha amalgama de estilos e xéneros pictóricos
Dentro da súa produción, achégase a diferentes estilos pictóricos que van dende o pop ao neoexpresionismo, acadando unha linguaxe na que mestura abstracción e figuración. As pezas caracterízanse polo seu carácter experimental e a complexidade na súa elaboración, o que derivou na obtención de diferentes resultados na expresión plástica.
Aínda que se centrou principalmente na pintura, traballou en diferentes medios que comprenden dende a ilustración ata a videoinstalación. Algunhas das súas series de pinturas tiveron un papel protagonista no filme
Fisterra, dirixido polo cineasta Xavier Villaverde no ano 1998.
A comisaria da mostra, María Pose, en estreita colaboración coa familia e os amigos que se involucraron de xeito determinante no impulso deste proxecto, reuniu para esta exposición obras inéditas provenientes, na súa maior parte, dos arquivos do artista e dos fondos do seu estudio