Un cativo estrañado pregúntalle á avoa "Iso que é?" Están os dous chantados nos soportais de Cervantes gardándose da choiva, mirando con atención unha construción que parece querer imitar a Igrexa de San Bieito, colocada xusto en fronte desta, a raias brancas e azuis. Ao mesmo tempo, os veciños das Hortas chaman ao Concello coa sospeita de que está a facerse unha edificación ilegal na súa rúa, os rapaces que corren polo parque da Trisca paran a mirar un panel cilíndrico e descubren que se trata do Cruceiro de San Pedro "transplantado á Praza", e os turistas sorpréndense de atoparen a Xiralda no medio do Pazo de Bendaña...
O que tanto desconcerta aos composteláns son instalacións: o escocés Nathan Coley aborda as crenzas relixiosas cunha San Bieito pintada como os barcos para camuflárense nas Guerra Mundiais, en Cervantes, mentres o galego Jorge Barbi fai o propio, de xeito ben máis retranqueiro, metendo unha icona da cultura árabe-andalusí no Toural; a eslovena Apolonja Sustersic propón unha reflexión sobre a Cidade da Cultura edificando cos seus restos un punto de encontro na Ruela das hortas, a galega Carme Nogueira reflexiona tamén sobre os puntos de encontro nun centro neurálxico da vida veciñal como é o Cruceiro de San Pedro, e máis no Parque da Trisca, e a belga Germaine Kruip tennos preparada unha "estrela fugaz" na Alameda.
O proxecto foi unha iniciativa da
Concellaría de Cultura: contactaron con Pablo Fanego, encargado de seleccionar e preparar aos artistas, instroducíndoos aos espazos composteláns. Apoian o proxecto o
COAG, o
CGAC, o
British Council, o
Instituto das Artes de Portugal , o
Consorcio, a
Fundação Calouste Gulbekian, a Fundação
Luso-Americana, o
Ministério de Cultura portugués e a
Mondriaan Stichting, ademais da colaboración da Concellaría de Rehabilitación, Casco Histórico e Centros Socioculturais, con Mercedes Rosón ao fronte.
Crenzas postas en cuestión:
Atoparemos dúas obras encontradas, dus choques culturais que se cadra son o máis chamativo e sorprendente da exposición: o
Minarete de Jorge Barbi (Pontevedra, 1950) un arquetipo da cultura musulmá. Xogando coa simboloxía, nos tempos do tempor ao terrorismo e ao integrismo, el introduciu este elemento de discordia con respecto ao Santiago Matamouros. Para Barbi, o que non se pode expresar a través da materia precisa da metáfora, e o insolente minarete visíbel dende varios puntos da zona monumental é unha icona poderosa e sorprendente.
Nathan Coley (Glasgow, 1967) non busca o choque, senón a introspección nos símbolos de noso: logo de ter elaborada unha ampla investigación cultural e sociolóxica sobre a posibilidade contemporánea dos santuarios, e levar adiante varios proxectos artísticos en Münster, Edinburgo ou Xerusalén. A súa
Camouflage church emprega o método dos barcos na II Guerra Mundial para se camuflaren: é unha estrutura que imita á igrexa de San Bieito que ten detrás a listas brancas e azuis. Ademais, o COAG acolle a proxección do vídeo
A síndrome de Xerusalén, e hai varias mensaxes textuais na súa lingua espalladas por espazos emblemáticos da cidade: "Till death us do part" ("Até que a morte nos separe") ou "A strong religion is one that can withstand tough questions" ("Unha relixión forte é aquela que pode aturar preguntas fortes").
Diálogo da cidadanía co espazo
Cando Apolonja Sustersic (Lijubliana, 1965) atopou a Rúa das Hortas, quedou marabillada. Este espazo rururbano, definido pola artista como "un segredo local", agocha detrás das casas hortas e xardíns que, de certo, son un pequeno segredo ou tesouro a poucos metros da Catedral. "Habería que sentar aquí a Peter Einsenman e incitialo a crear a Cidade da Cultura dende a cidade, e non fóra dela." Aproveitando restos de materiais da construción do Gaiás, preparaou unha estrutura que será punto de encontro para o debate e a realización de actividades, e que servirá como plataforma para a reflexión sobre a relación entre cidadanía e patrimonio, e o rol que desempeña a industria cultural nas cidades.
Outra das artistas que reflexiona sobre a comunicación entre a cidade e as persoas é Carme Nogueira (Vigo, 1969). "O espazo público non existe sen o uso que facemos del. é como a cuarta dimensión da esfera pública." Analizando, logo, a "vida" interna dos espazos, contrastou dúas prazas ou lugares de encontro ben diferentes, pero pouco distantes entre si: o Cruceiro de San Pedro está a uns metros do Parque da Trisca, pero mentres que o primeiro é un cruce natural de camiños, un dos "meeting point" emblemáticos da cidade, o segundo está construído artificialmente na rúa da Trisca. Ademais do traballo in situ, Nogueira ten preparado un obradoiro no que poida ser involucrada a veciñaza e persoas interesadas en debater sobre o pasado, presente e futuro destes espazos.
Por último, Germaine Kruip ten unha proposta para nos converter en suxeitos de desexo: o seu
Wish na Alameda. Remarcando o carácter efémero das instalacións, que teñen ben pouco que ver co concepto tradicional e estático de "obra de arte", e son máis ben unha mediación que se estabelece co cidadán no espazo público, ela opta por unha "estrela fugaz", leit motiv da súa proposta. O espectador é intérprete, é quen toma consciencia da súa presenza no espazo. A instalación non pode ser se non hai quen "desexe": Kruip afonda na idea da intersubxectividade, do imaxinario colectivo que se activa ante un mecanismo tan simple como un chispazo no ceo...
E en novembro máis
E aínda faltan o
Melodie Finisterre, unha comuñón de espazos que terá lugar no Paseo da Ferradura grazas a un austríaco que, cando chegou a Fisterra, enviouse a si mesmo unha postal dende a fin do mundo ao seu despacho en Viena: Hans Schabus, un dos artistas máis novos (con 34 anos). O lisboeta André Guedes, un ano maior, xogará connosco a domar o espazo-tempo, nunhas performances que terán lugar na Praza de Mazarelos e no mesmo Obradoiro. E por último, Roman Ondák (Zilina, Eslovaquia, 1966) encherá a fonte de Fonseca con moedas de diversas procedenzas, como símbolo da converxencia de camiños e da suma de culturas que representa Compostela.