Jorge Molder (Lisboa, 1947), licenciado en filosofía, é unha das personalidades de referencia na fotografía lusa (xunto con Helena Almeida e Paulo Nozolino, é o artista máis coñecido de Portugal). Autor, pensador e xestor cultural, dirixe o Centro de Arte Moderno de la Fundación Gulbenkian. A súa obra reflexiona sobre o medio, os seus mundos propios, o autorretrato e as series. Son célebres as que fixo nos 80, con escenarios solitarios e anguriantes, envoltos en tebras, pero que paseniñamente se foron depurando ('Esgrima', 'Waiters', 'Auto-retratos', 'Un dia cinzento')... cara un estilo máis minimalista e limpo. Xa nos 90, as súas series xogan coas alegorías literarias: 'The Secret Agent' e 'Joseph Conrad'.
Nos últimos anos desaparecen os obxectos, dando paso ao gran formato e á limpeza do autorretrato: 'Anatomy and Boxe', 'Nox', 'Inox', 'TV', son algunhas das obras que poderemos ver no CGAC dende o 7 de abril até o 4 de xuño, nunha mostra comisariada por Maria do Céu Baptista e João Miguel Fernandes Jorge, baixo o título
Algún tempo antes.
Nela recóllense imaxes dos últimos 25 anos, dende as impresión en prata das tres probas de artista de
Uma exposição, (1979), até a imaxe dixital de
Condição Humana (2005), que poderemos ver íntegra, pasando pola polaroid e mesmo o vídeo (
Linha do Tempo, 1999-2000).
Contará con series tan significativas como a citada 'Nox' (coa que foi seleccionado para representar a Portugal na Bienal de Venecia no 1999, con 30 das 36 fotos que a integran), 'Waiters' (1986) -coas 25 fotografías que a integran-, 'Secret Agent' (1991), 'The Sense of the Sleigth-of-hand Man' (1993-94) 'INOX' (1995) ou 'Anatomia e Boxe' (1996).
Ademais, a mostra do artista portugués está acompañada dunha coidada publicación que inclúe textos do director do CGAC,Manuel Olveira, dos críticos João Miguel Fernandes Jorge e Aurora García así como unha entrevista co artista asinada pola comisaria Maria do Céu Baptista.
Así mesmo durante o mes de abril e, co obxectivo de dar coñecer en profundidade temáticas asociadas á obra de Jorge Molder (identidade, representación, simulacro, etc.), o CGAC organiza un ciclo de conferencias e proxeccións baixo o título 'Simulacros: miradas en torno á fotografía.'
As mil formas de se mirar no espello
A autorrepresentación de Molder non responde a quen a contempla, senón que, pola contra, formula interrogantes e estimula a reflexión do público, enfrontado ao desdobramento.
"As imaxes tranquilizadoras da construción do eu interpersoal e intrapersoal, aquelas coas que nos vestimos cada mañá para saír da casa ou coas que chegamos ao traballo, (...) non adoitan corresponder coas que descubrimos no entresoño ou as que inesperadamente nos asaltan ao mirar un espello", reflexiona Manuel de Oliveira. A obra de arte de Molder é unha autoentrevista, un proceso introspectivo de autocoñecemento que incita a quen o mira a atreverse a pescudar, a mirarse ao espello e atopar as cousas que se agochan dentro da persoa. Esa perceptibilidade do eu non é nada cómoda.
A técnica
El xoga coas luces, emerxendo da nada, da escuridade total, para amosar os elementos fragmentados, dispersos. Bebe da tradición cinematográfica para proxectar a imaxe máis limpa e máis impactante, coma un cirurxán que disecciona coidadosamente cada unha das partes do eu, en opinión de Oliveira, evitando artificios.
Para Aurora García, a percepción é limitada, ao estar condicionada polas facultades do individuo e polo seu substrato formativo, un substrato exposto tamén á acción do tempo e mesmo aos estados de ánimo. Molder elixiu a súa propia imaxe para se mergullar na outredade: "Producir dobres, producir representacións, significa sempre camiñar cara a unha meirande comprensión de algo, pero supón, á vez, a descuberta de distancias intranspoñíbeis, inseparábeis da propia representación", declarou o artista nun agudo texto dedicado á obra de
Pistoletto. O italiano, representante do movemento "arte povera", enfrontaba directamente ao seu púiblico cun espello no que se lía "Existe Deus? Si, existo!" A arte de ambos os dous válese da fotografía e do espello para avanzar no coñecemento de algo que respira dentro de nós ou arredor de nós.
"Cando me sinto observado polo obxectivo, todo cambia:
constitúome no acto de ‘posar’, fabrico instantaneamente outro corpo, transfórmome por adiantado en imaxe". Jorge Molder non se pon perante a cámara, logo, sen xestar antes unha outredade. Ensaia a imaxe, pero non pretende contar ningunha historia. Pola contra, rexeita a narratividade, e pode sacar de si un axente secreto, un camareiro ou un prestidixitador, pode explorar a capacidade xestual e expresiva do seu rostro e das súas mans sen incorrer no achegamento do grotesco.
Xa di Roland Barthes que a fotografía representa ese momento tan sutil en qu non somos suxeito nin obxecto, senón máis ben un suxeito que se sente devir obxecto. "Vivo entón unha microexperiencia da morte (da paréntese): convértome verdadeiramente en espectro". A obra de Molder, pola súa banda, pon de relevo ese esvaradío paso do suxeito ao obxecto.
Aquela persoa que é consciente de que vai ser obxectualizada posa, prepara unha "mise en scéne" sen pretendelo, co risco engadido de que a escenificación non ten sentido dentro dun continuum coma no teatro, senón que é única, captada nun segundo. Por iso, as series de Moldernon teñen unha orde lóxica. Non contan. Só preguntan.
Vintecinco anos desentrañando a identidade
A negación dunha necesidade de contar é común a Molder e Francis Bacon. O pintor irlandés díxolle a David Sylvester que, como Valéry, quería "transmitir a sensación sen o aborrecemento da súa transmisión. E así que aparece historia aparece o aborrecemento".
Bacon era un experto en deconstruír a súa propia imaxe. A excesiva verdade é incómoda, como xa dixemos, e podemos vela contida no
'Inocencio X' de Velázquez, "demasiado verídico", en palabras do pontífice retratado.
InoX é o título dunha serie fotográfica levada a cabo en 1995, e corresponde á abreviatura do nome Inocencio X. Nalgunhas das obras que a compoñen, o rostro do artista preséntase exposto a unha luz case cegadora que convive con zonas verticais de escuridade, en primeiros planos protagonizados pola expresión frontal e seria dunha
cabeza baixo a cal destaca a corrección da vestimenta con gravata. A luz é o único elemento que distorsiona a imaxe.
Previa a esta serie foi
The Sense of the Sleigth-of-hand Man. A frase do poema de Wallace Stevens dá título a esta mostra que precede ás dedicadas a aquel pontífice que dixo "troppo vero " ao se ver retratado por Velázquez (
InoX e
T.V., iniciais das palabras de Inocencio X, as dúas de 1995).
De 1996 é
Anatomia e Boxe, un novo grupo de traballos que seguen tamén a pista afastada de Francis Bacon. "Partindo da analoxía entre o teatro anatómico e o ring do boxeo, entendidos como os dous últimos locais de espectáculo da manipulación e transformación do corpo, Molder realizou un conxunto de imaxes dun personaxe (de múltiples
personaxes, para sermos máis rigorosos) que se transforman de imaxe a imaxe (...) nunha serie simultaneamente lúgubre e tráxica", escribiu Delfim Sardo a propósito deste traballo.
A caída e o final da acción, a parálise, a loita e a defensa, sen descartar as pegadas da agresión no seu rostro (a impactante foto cun ollo negro) que crea o artista coa súa imaxe configuran unha atmosfera perturbadora.
Aínda que a súa propia figura comezou de ser motivo do seu traballo a primeiros da década dos oitenta, Molder fixo un uso primordial da súa imaxe desde que se dedicou a elaborar a serie
The Portuguese Dutchman, en 1990. Nela, o título fala da súa propia orixe: o apelido do seu pai húngaro Molnar, foi adaptado ao holandés. Nesta nova mostra, o obxecto protagoniza a fotografía, como xa pasara en
The Secret Agent (1991), titulado coma unha coñecida novela de Joseph Conrad: un axente secreto leva consigo a indiscutíbel personalidade múltiple, ao tempo que se debe mover nun universo de indicios en que os obxectos adquiren grande relevo. Unha caixa de madeira fabricada hai anos pódese mostrar baleira e muda en The Secret Agent, ou pode, na mesma serie, conter obxectos diversos que actúan como metonimias relativas á vida en múltiples facetas, e tamén ao paso do tempo, ao sinal irreversíbel que este deixa en todo o existente.
Nunha serie realizada hai vinte anos,
Waiters (1986), Molder traballou no antigo café lisboeta Nicola, un local cheo de espellos. Alí o fotógrafo non era a cara visíbel da súa produción, non era o actor; correspondíalles ese papel aos camareiros que desempeñaban a súa función habitual nese lugar. Molder evitou a concorrencia do público e decidiu levar a cabo o seu labor co café pechado, pero recollendo unha actividade non simulada no seu interior. O resultado é sumamente expresivo nesa galería de imaxes que non descartan a ambigüidade, onde a esfera dos reflexos e as sombras confire un valor dinámico a planos, adoito cortados a propósito, nos cales poden cohabitar mudas historias de diferente signo.
A condición humana, título de máis dunha obra do surrealista René Magritte, éo tamén da última serie de fotografías realizadas por Molder:
Condição Humana (2005). Non ten nada que ver coa novela homónima de André Malraux, pero si pode aludir a Magritte no sentido de que o artista belga levou a cabo a fusión de dous espazos diferentes nun só, pondo de relevo o asunto da duplicidade que Molder vén traballando constantemente. Nesta ocasión, o artista portugués válese da cor e de formatos verticais e maiores que os dominantes en branco e negro no último período. Non obstante, a policromía que vemos agora en
Condição Humana responde a impresións dixitais, ás cales o artista recorre igualmente nos últimos anos.
Coa mirada case frontal e fixa nun punto invisíbel, sitúase fronte a nós espectadores, á nosa medida humana, e xesticula só coas mans, que se alzan e se abren, ou se pechan e descenden xunto ao corpo, vestido con total corrección.
Dun atributo mental, a memoria, vén tratar un vídeo, o primeiro executado por Jorge Molder, que alterna a imaxe fixa
co movemento. Trátase de
Linha do Tempo (1999-2000), en branco e negro coma a serie de polaroids en relación estreita con el e titulada
Curta-metragem, do ano 2000. Outra vez o actor é aquí o artista, un personaxe que vai e vén en desconcerto, á présa e lentamente, a través do espazo interior delimitado polas paredes dunha vivenda antiga. Crebouse a orde que reinaba alí, o mesmo que o cristal do retrato caído, e as luces mestúranse coas sombras, o nidio co vago, na viaxe pola lembranza que pon de manifesto a semellanza brutal do tempo. Provocar o desvelamento do que comporta o eu, fronte á cámara e ao espello, supón abrirlle portas á irrupción doutras realidades distintas á asignada de modo unívoco.