Casa da Parra
O Martes 19 de Maio, na Casa da Parra compostelá inagurarase a exposición 'Derradeira Sesión', formada polas fotografías de Manuel Sendón e 'Os Fabulosos irmáns da luz', de Olaia Sendón.
O cine en Galiza foi un fenómeno fundamentalmente da segunda metade do século XX. A finais dos anos corenta, un número importante dos cines que existían foran teatros, e aínda que nese momento se empezaran a construír algúns novos, non é ata a década do cincuenta e do sesenta cando xorden salas ao longo de todo o país. Nos 70 comeza a decadencia co peche de moitas salas, e esta continua nos oitenta, momento no que xorden os minicines, primeiro nas cidades e logo nas vilas
Hoxe en día os cines desapareceron, funcionando só algún como o de Leiro, Seixo ou Ramallosa, incluso desapareceron practicamente todos os minicines, quedando o cine reducido ás salas das grandes areas comerciais.
O canóns de proxección, as televisións de grandes dimensións e os home cinemas converteron o cine nun espectáculo individual ou familiar, pero o cine como espectáculo colectivo morreu. As salas foron convertidas en supermercados, discotecas, tendas de Zara ou tirados para construír vivendas, e os que sobreviven están reducidos a ruínas.
No medio deste ermo, hai algunha xoia conservado polos seus donos con gran agarimo, gardada en perfectas condicións como se foran a volver a funcionar en calquera momento.