Varios artistas
Comisariada por Cecilia Pereira, esta mostar pasou no mes de maio por Porto (Portugal), e chega agora a Compostela. Concebiuse como un proxecto específico para o espazo de Maus Hábitos en Porto, onde unha selección de artistas galegos mostran pezas que ilustran a atmósfera contemporánea de Galiza. O título da exposición refírese á AP9,a autopista do Atlántico que une Galiza, e o tramo da A3 que sae da fronteira galaico-portuguesa ata Porto, e que se converte no metafórico cordón umbilical que nos une.
A proximidade xeográfica e a conexión cultural secular entrambos países animou a consolidar unha proposta que exhibiu en Porto un extracto da cultura galega contemporánea, da man dos seus artistas plásticos máis novos, acompañados pola música de Tetrafreak e Bluemouse e o rap de Nachetek. Eva Mendoza, Pablo Pérez Sanmartín, HardWorkers Klan, Antón Cabaleiro, Jorge Couceiro, Javier Ávila, Rita Rodríguez, Pablo Ávila, Silvia García, Santi Jiménez e Mauro Trastoy presentarán nesta ocasión, unha selección de fotografía, debuxo, instalacións, performances, pintura e graffiti, debuxando un panorama aberto, froito do dinamismo cultural que, dende os anos noventa propiciaron o nacemento da Facultade de Belas Artes en Pontevedra, do CGAC e do MARCO de Vigo máis tarde. Unha sólida infraestrutura cultural que propiciou a aparición o seu arredor dunha xeración de novos creadores, críticos, galerías comerciais e un ambiente artístico propio e, ao tempo, universal.
Os creadores selecionados para a exposición AP9-A3 pertencen a esta última etapa de pulo cultural, ilustrando a riqueza de linguaxes e o espírito xeneroso e mestizo destas primeiras xeracións do século XXI. Aínda que a mistura de técnicas e o rico trasfondo dos seus discursos os aparta dun contexto xeográfico concreto, todos eles son froito dun momento e unha situación que lles permite abandeirar o debate galego actual. A maioría das obras foron producidas específicamente para o espazo de Maus Hábitos. Invaden as salas de exposición, pero tamén as zonas de tránsito, as terrazas con graffiti e as salas de concertos con sons "made in Galiza".
Participan Pablo Ávila e Javier Ávila (nados os dous en Santiago de Compostela, 1983), Antón Cabaleiro (compostelán tamén, seis anos máis vello), Jorge Couceiro (A Coruña, 1972), Silvia García (Cangas do Morrazo, 1973), HardWorkers Klan (o´shire, o´ras, flecha 129, Jöta y Keops, 1984) + o rapeiro Nachetek, Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979), Eva Mendoza (Ourense, 1978), Pablo Pérez Sanmartín (Vilagarcía, 1980), Rita Rodríguez (A Coruña, 1981), e Mauro Trastoy (Vilalba, 1971).
Este proxecto conta co apoio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.