Varios artistas
A Galería Epocarte achega 'Contrastes', a exposición na que se poderán ver pinturas e esculturas de artistas como Laxeiro, Manuel Torres, Lodeiro, Sotomayor, Rosa Elvira Caamaño, Alfonso Costa, Masiá, Vidal Souto, Tomé e Mercedes Ruibal
Un dos máis destacados artistas da exposición é Laxeiro. O artista lalinense nacido en 1908 emigrou a Cuba cos seus pais, e alí traballou en oficios artesanais como o gravado e o vidro. A meirande parte da súa vida transcurriu entr Vigo e Madrid, e tamén regresou a América en diversas ocasións. É un dos principais representantes do Movemento Renovador da pintura galega e a súa obra pode estruturarse en tres etapas: unha primeira baseada nun mundo de ensoñacións e con cores terras e ocres; unha segunda na que se mestura o tema folclórico co relixioso; e unha terceira cun debuxo moito máis esquemático, co negro como cor dominante.
Manuel Torres é outro dos pintores con obra nesta exposición, nacido en Marín no 1901, recoñece de sempre unha grande influencia do seu amigo Carlos Maside, e tamén polos debuxos satíricos de Castelao. Na súa obra conta con paisaxes, bodegóns, retratos e gravados.
A pintora e escritora Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1928- Madrid, 2003) naceu nunha familia de ideas republicanas e moi interesada nas artes e na literatura. En 1956 viaxou xunto á súa avóa a Bos Aires onde se consolidou a súa dedicación á pintura da man de Laxeiro que diría dela: "É unha pintora que pinta cando sente a tormenta en todo o seu territorio. O que debuxa e pinta Mercedes, sae do máis profundo do seu ser... Penso que todo creador de mundos ten que ter a valentía de mostrarnos as feras ou os anxos que viven dentro de si..." . De regreso a España participaria nas tertulias do Café Xixón e casaría en 1960 co arquitecto, pintor e escritor Agustín Pérez. Pasou longas estancias en Italia onde coñeceu a intelectuais e artistas como Alberti, co que mantivo unha fonda amizade.