Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Xunta de Galicia
Parte do rico arquivo fotográfico do escritor arxentino, doado á Xunta de Galicia pola primeira esposa do escritor, poderá contemplarse nesta exposición producida pola Dirección Xeral de Comunicación.
Aurora Bernárdez, filla de galegos, é a primeira esposa e testamenteira de Julio Cortázar; en recoñecemento ás súas orixes galegas cedeu á Xunta de Galicia un arquivo con obxectos, fotografías e gravacións do escritor.
O arquivo de imaxes quedará depositado no CGAI, que procederá á súa dixitalización. Conta con 4000 fotografías e arredor de dúas horas de gravacións cinematográficas obtidas polo autor de 'Rayuela' en Brasil, India e Uganda, entre outros lugares.
Son de salientar dentro desta ampla colección as imaxes que serviron de inspiración para a obra 'Prosa del Observatorio', unha mestura de textos e imaxes realizada xunto ao fotógrafo Antonio Gálvez; as súas series de 'Muñecas rotas' e 'Los autonautas de la cosmopista'; así como as tomadas durante a súa única visita a Galiza no 1955, pouco despois da voda con Aurora Bernárdez.
A exposición conta con cinco seccións, que constitúen unha completa aproximación á vida do autor de 'Rayuela': Viaxes, Cartas, Fotografía, Cine e Música
Cortázar foi un viaxeiro incansábel grazas ao seu traballo como tradutor para diversos organismos oficiais, e gran parte da súa obra literaria xirou arredor deste tema. As súas cartas-definidas por el mesmo como "la más auténtica expresión de mi ser"-, escritas en moitas ocasións durante estas viaxes por innumerábeis lugares-Arxentina, París,Cuba, Irán ou Galiza-, constitúen unha valiosa testemuña e un achegamento ao universo literario e interior do autor.
Outra das paixóns de Cortázar era a imaxe-estática ou en movemento- como se reflicte no amplo arquivo de fotografías e gravacións que forman parte do seu arquivo. A meirande parte das que se exporán en Ler imaxes son inéditas e forman parte da colección particular de Aurora Bernárdez.
Julio Cortázar sentíu desde a súa adolescencia un fondo interese polo jazz, e posuia unha colección de máis de 200 discos, da que se desfixo para pagar a súa viaxe a París. A improvisación propia do jazz casa á perfección coa idea do irracional e do espontáneo na escritura, unha das bases da súa creación literaria.
Esta exposición forma parte dun proxecto máis amplo chamado Outono Cortázar que incluirá as proxeccións das súas gravacións, un ciclo de cine no CGAI e unha serie de xornadas de conferencias e debates, ás que acudirán diversos persoeiros que coñeceron ao autor.