Alicia Framis
A videocreación de Alicia Framis é a protagonista desta mostra, Secret Strike, organizada polo CGAC. Entre as filmacións, destaca a realizada na factoría de Inditex en Arteixo. Na inauguración estará presente a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.
Desde hai dous anos Alicia Framis (Barcelona, 1967) vén traballando neste proxecto fílmico no que examina a cotidianeidade de distintos espazos de traballo. A "conxelación" das accións humanas nestes espazos está na base dun proxecto co que a artista se formula cuestións como que pasaría se deixasemos de realizar as nosas actividades rutineiras.
Producida polo CGAC, a última filmación de Secret Strike tivo lugar na factoría de Inditex, en Arteixo (A Coruña), onde a artista, que vive a cabalo entre Barcelona e Amsterdam, paralizou as accións do persoal da planta.