Varias artistas
A mostra é resultado, modo e inicio dun proxecto artellado por diversas profesionais galegas do mundo da creación que proxectan a mirada na máis inmediata realidade social, achéganse a unha problemática real citada e denunciada reiteradamente nos últimos anos e desde diferentes esferas.
Participan as creadoras Antía Moure, Bárbara Monteagudo, Ana Pillado, Anxos Sumai, Neves Aldara Seara, Maribel Castro, Carme Nogueira Ana Soler e Uqui Permui, nesta exposición comisariada por Chus Martínez Domínguez + Xosé Manuel Lens.
A exposición como feito cultural nace, en primeiro lugar, como resposta a esta tensión social existente na actualidade no referente ás agresións, de drama e tensión exercidas en distintos ámbitos da relación persoal, sobre os que se intentará reflexionar centrándose e definindo o capítulo da violencia no íntimo, no medio familiar, no contorno inmediato, social. A casa, o fogar ou o espazo próximo convértense en escenarios privados para retratar o que denominamos fisuras no cotián, fracturas que se intentan evidenciar a través da ollada creativa e mediante un proceso narrativo baseado no diálogo e na multiplicidade de propostas.