Compostela cultura

Estás en: Axenda > Plástica > Andrea Costas Lago expón o seu...
cartel da exposición
Horario:

15 de marzo de 2006 - 12 de abril de 2006

Lugar:

Fundación Torrente Ballester

Andrea Costas Lago expón o seu proxecto fotográfico

Andrea Costas Lago

Persoal e transferíbel, de Andrea Costas Lago, é unha mostra organizada polo Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago.

A fotógrafa viguesa, de 28 anos, obtivo a 3ª bolsa de creación fotográfica do Concello para esta mostra: nela racha co concepto tradicional de autor, reunindo a un grupo de persoas o máis diverso posíbel, dándolles a oportunidade de crear unha reportaxe das súas vivencias, dándolle a volta á idea de consumo masivo e pasivo que impera tamén na arte.

Trátase de facer coincidir o obxecto e o suxeito da creación artística na mesma persoa, de indagar no presente a partir dun conxunto de instantes fragmentados, de deixar falar por si mesmo a quen normalmente é obxecto dun discurso que o reduce a un estereotipo.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Andrea Costas Lago obtivo o accésit no Certame de fotografía do INJUVE 2002, e gañou o certame de Artes pláticas Novos Valores de Pontevedra (2001), ademais do 1º certame de fotografía deportiva Celta de Vigo (na categoría non profesional), no 2000.

Expuxo Formas de ser, na Fundación Laxeiro, no 2003; Outras miradas no Outono fotográfico de Ourense do 2002; Miradas Virxes, no Centro Torrente Ballester de Ferrol, no 2001. Tamén participou en mostras colectivas: ademais do Certame de fotografía INJUVE do 2002, Imaxes maiores, en Obra Social de Caixa Galicia de Santiago 2002, Identidades, no Museo do Pobo Galego, no 2001, Novos Valores, en Pontevedra, nese mesmo ano, Novas creacións, na IX Bienal Fotográfica de Vigo, no 2000, na Exposición colectiva de mulleres artistas, ese mesmo ano en Pontevedra, e tamén Estancias, no COAG de Vigo.

Publicou, ademais, Formas de ser, en Edicións do Trinque (Vigo, 2002).

"A velocidade na produción fainos individuos consumidores de satisfaccións instantáneas; os mediadores véndennos intimidade allea, comunicación, realidade... e nese medio perdemos contacto con aquilo que anhelamos verdadeiramente, mentres modelan as nosas preferenzas e se cadra... a nosa identidade.

A vida non é sempre espectacular malia a promesa implícita na súa venda como espectáculo. A frustración logo da expectativa non cumprida resulta rendíbel para os que xeran e satisfán necesidades con soños. E así o espectador, enganchado e confuso, poucas veces se detén para cuestionarse se talvez a felicidade non estará noutro lado, se non podería ser unha creación persoal, unha elección que, como este proxecto, requira o esforzo de rexeitar miles de posibilidades sen dubidar dun mesmo.

A cámara foi o medio co que nove voluntarios tratamos de descifrar e almacenar os intres cotiáns que nos constitúen intimamente. Cadaquén os seus. Creamos a nosa propia representación, tratando situacións anódinas como se fosen esenciais. E fixémolo ao noso xeito, con máis ou menos axuda, chegando até onde queriamos amosar e motivados, algúns, por obriga familiar, outros por facer algo diferente ou por curiosidade... todos respondendo a unha petición tan estraña como sincera.

O que vedes é unha escusa: o produto concentrado dunha destilación subxectiva e implacábel, os restos dun experimento longo e pesado, pero tamén enriquecedor e emocionante. A mediación pouco inocente, empaquetada e consumíbel que queda dunha experiencia de comunicación que, por si mesma, sempre foi o verdadeiro proxecto."


Ligazóns relacionadas:
Exposicións

O que vai vir
  • Rastro de antigüidades en Área Central 20/02/2010

    O terceiro sábado de cada mes a esquina vermella de Área Central acolle o rastro de antigüidades, unha selección de obxectos antigos, reliquias de coleccionistas e outras curiosidades.
  • Rastro de antigüidades en Área Central 20/03/2010

    O terceiro sábado de cada mes a esquina vermella de Área Central acolle o rastro de antigüidades, unha selección de obxectos antigos, reliquias de coleccionistas e outras curiosidades.
  • Rastro de antigüidades en Área Central 17/04/2010

    O terceiro sábado de cada mes a esquina vermella de Área Central acolle o rastro de antigüidades, unha selección de obxectos antigos, reliquias de coleccionistas e outras curiosidades.
  • Rastro de antigüidades en Área Central 15/05/2010

    O terceiro sábado de cada mes a esquina vermella de Área Central acolle o rastro de antigüidades, unha selección de obxectos antigos, reliquias de coleccionistas e outras curiosidades.
  • Rastro de antigüidades en Área Central 19/06/2010

    O terceiro sábado de cada mes a esquina vermella de Área Central acolle o rastro de antigüidades, unha selección de obxectos antigos, reliquias de coleccionistas e outras curiosidades.