Compostela cultura

Estás en: Destaques > Música > Un agosto na rúa 'Feito...
'O útero dos cabalos'

O FESTIVAL DA CIDADE VELLA

Un agosto na rúa 'Feito á Man'

(20/09/2005) Equipos de luz e son e instrumentos musicais saíron á rúa durante o mes de agosto para tomar como único escenario as rúas da zona vella compostelá e darlle forma un ano máis, e xa van tres, a o festival de música, danza e teatro Feito á Man. Dúas semanas de programación nocturna para as que se contou con nove proxectos artísticos a representar nas prazas da Vía Sacra, San Martiño Pinario, San Paio de Antealtares e na rúa do Curro da Parra.

Creole Kings

Creole Kings

Branca Novoneyra :"O máis positivo deste festival é que trata de presentar proxectos de artistas que traballan en Santiago ao longo de todo ano contrarrestando a tendencia a traer xente de fóra"

"Feito á man pasou de dúas xornadas a dúas semanas en só tres anos de existencia"

A Asociación Cultural Cidade Vella coa colaboración do Concello compostelán encargouse de organizar un ano máis Feito á Man, para o que se contou coa presenza da Diego Massimini, Carlos Blanco Quinteto, Terela Gradín e Manolo Gutiérrez, Creole Kings, Susi Sola e Ilaria, Narf, Tom e Vikas Tripathi & Sukhdev Prasad Mishra no apartado musical. Ritmos que pasaron polo jazz, o son brasileiro, a rumba, o rock acústico e mesmo a música tradiconal india, da que se encargou Vika Tripathi co acompañamento ao violín de Sukhdev Prasad.

Pero non só houbo música durante as dúas semanas que durou o festival, senón que tamén se incorporaron a peza de teatro Paco Fernández, o incrible home orquestra, da compañía Belmondo e o espectáculo de danza O útero dos cabalos.

Danza que, baixo o título dun poemario de Lupe Gómez, chegou a Feito á Man expresada a través dos corpos de Branca Novoneyra e Bárbara Monteagudo e tivo o acompañamento musical de Najla Shami e Héctor Lorenzo. Baile e música na rúa ao que non lle faltou sequera a compoñente audiovisual que se manifestou a través da videocreación que deu lugar a Seis haikus, tamén con Branca Novoneyra. Unha conxunción de música e danza contemporáneas coa tradición poética nipona para presentar en exclusiva no festival.

Esta, a presentación do espectáculo en Feito á Man, foi a razón pola cal Branca Novoneyra se converteu na única artista que repetiu actuación no festival, que ten por filosofía ofrecerlle a posibilidade de darse a coñecer diante do público compostelán a un novo artista edición tras edición. "Tentamos presentar traballos sempre en espazos non escénicos e Feito á Man foi a estrea deste espectáculo, concibido no caso dos 'Seis haikus' e a música en directo, especificamente para o festival", relatou a coreógrafa compostelá.

O programa 2005

O músico arxentino-compostelán Diego Massimini foi o encargado de abrir, o día 15, e clausurar, uns días despois do previsto a causa da chuvia, o festival e fíxoo co seu espectáculo de Música Brasileira na Vía Sacra. Seguiuno a danza do O útero dos cabalos o día 16 en San Martiño Pinario, para repetir os días 24 e 26 na Vía Sacra e na praza de Feixó, respectivamente.

Narf participou tamén de Feito á Man co seu espectáculo Cancionistas, que o levou por San Martiño Pinario, Feixó, Vía Sacra e a rúa do Curro da Parra. O rock acústico tivo tamén o seu lugar no festival a través de Creole Kings, que actuaron os días 18, 23, 25 e 27 e nesas dúas últimas xornadas compartiron a noite na rúa coa música tradicional india de Vikas Tripathi e Sukhdev Prasad Mishra.

A rumba chegou o 24 de agosto da man de Tom e o seu One man show, na praza de Feixó.

A nota teatral do Feito á Man puxérona Paco Fernández, o incrible home orquestra, da compañía Belmondo, que lle deu o punto de humor ao programa dos días 20, 21, 22 e 24 de agosto e a performance dragg de Susi Sola e Ilaria, que actuaron na rúa da Troia o 28 de agosto.

O jazz en Feito á Man

"Hai que ter en conta que a linguaxe da danza é máis complicada que a da música, á que o público xa está máis afeito", deste xeito explicou Branca Novoneyra que danza contemporánea siga a ser en Galiza e en Compostela un espectáculo en certa medida minoritario. Algo que tamén sofre, aínda sendo empregando só a linguaxe da música, o jazz.

"A repercusión dun festival coma este sobre unha música como é o jazz é sempre positiva, xa que é unha música minoritaria en boa medida debido a que os medios non a favorecen", así o veu o batería Carlos Blanco, integrante do Carlos Blanco Quinteto, que xunto ao dúo formado por Terela Gradín e Manolo Gutiérrez puxeron as notas de jazz en Feito á Man.

Este dúo de jazz, o que forman Gradín e Gutiérrez, contou con catro actuacións os días 17, 19, 21 e 28 de agosto nas prazas da Vía Sacra, San Paio, Feixó e San Martiño Pinario.

A formación Carlos Blanco Quinteto, composta por galegos, canarios e portugueses, achegouse a Santiago para poñerlle música á rúa do Curro da Parra (o día 16 de agosto) e ás prazas de San Paio e Feixó (o 17 e o 18). Unha actuación que non só se limitou á interpretación dunha serie de 'standards' de jazz senón que tamén presentaron boa parte do seu propio repertorio.

A presenza no festival serviulle ao quintento para entrar en contacto con locais que adoitan ter programación musical na cidade e que o batería valorou do seguinte xeito, "tocar na rúa é un pracer así que o único malo que podo dicir do festival, buscando algo, é que non conte con suficientes recursos ou axudas para os artistas. No meu caso por exemplo, parte do quintento chegaba dende as illas Canarias ou Portugal, entón o tema económico ten outra importancia".

A historia

Feito á Man naceu da man da Asociación Cultural Cidade Vella hai agora tres anos. Tres edicións nas que a asociación buscou o xeito de poder financiar o caché dos artistas que participaron no festival e que estiveron movidas pola intención de dotar de activididade cultural o mes de agosto.

O primeiro Feito á Man estivo lonxe das dúas semanas de programación que agora o compoñen. Hai tres anos o festival reduciuse a dous días de actuacións; un menor número de xornadas motivado tamén polo menor número de artistas participantes e, indubidablemente, polo reducido orzamento co que se contou. Pero conseguiu medrar para o ano seguinte contando coa colaboración do Concello de Santiago que ademais de permitir as actuacións nas rúas da cidade contribuiu economicamente.

Deste xeito chegouse á edición do 2005, na que o orzamento do que dispuxo Cidade Vella, se ben segue a ser reducido para a organización dun festival como se pretende que sexa o Feito á Man, conseguiu dispor de dúas semanas de programación e dos espectáculos dun total de nove artistas.

Máis destaques de música
Feito á Man
Organiza: Cidade Vella