Xa puidemos gozar da voz de
Salif Keita na pasada edición de
Sons da Diversidade. Agora termos no
Auditorio a Diabaté, o promotor dun novo estilo que recupera a tradición da África occidental para difundila no mundo. A base instrumental é a propia do seu Malí natal, e faina confluír nun novo son definido como jazz-jugalbandi-griot. Membro activo e dinámico da comunidade musical de Malí, este virtuoso da cora viaxou por todo o mundo para dar a coñecer esta variante da harpa (con 21 cordas) que pertence á tradición de África Occidental.
O instrumento...
A cora é un instrumento de corda, feito cunha cabaza cortada á metade como corpo, que é baleirada e recuberta con coiro. Ten dous buratos, un a cada lado. No coiro colócanse o aro metálico que sostén as 21 cordas e a ponte que as tensa, e como mastro ten un brazo de madeira con aneis de coiro que é onde se anganchan os cabos de cada corda (son aneis de afinación, coma as claves da guitarra).
A primeira vez que aparece documnetada a existencia deste instrumento data de 17999, no libro de viaxes de Mungo Park. Emprégase sobre todo en Gambia, e tamén en Malí, Guinea e Senegal.
... E o virtuoso
Toumani Diabaté é o embaixador da cora no mundo: orixinario de Bamako (Malí), editou o seu primeiro disco en Inglatera, no 1988. Era un álbum no que só participaba el coa cora, e o seu título era
Kaira. A seguir colaborou cos flamencos Ketama, nun grupo chamado Songhai que editou dous álbumes (
Songhai I no 1990 e
Songhai II no 92).
No 95 chegou
Djelika (o mesmo nome có da súa filla), no que era acompañado polos máis grandes músicos do seu país: Keletigui Diabate co xilófono de madeira, e Basekou Kouyate co ngoni, unha especie de banjo que, como a cora, ten por cordas fío de pescar, ademais do baixista Danny Thompson. A química dos tres era evidente, e o grupo non tardou en exportar este instrumento. Neses intres comeza a traballar coa Symmetric Orchestra. Do 99 datan
New Ancient Strings e
Kulanjan. No 2001 editou xa un disco recopilatorio,
Jarabi: the best of Toumani Diabaté, e recén saído do forno temos
Boulevard de L'Independance.
Toumani Diabaté pertence a unha vangarda: a da nova xeración de griots que procuran a constante renovación da tradición. Nos noventa, sintetizadores e caixas de ritmos chegaron a Malí, pero Toumani preferiu seguir renovando cunha perspectiva acústica.
A música de Toumani Diabaté ten unha expresividade que procede do poder da tradición griot de Malí, á que el incorpora novos territorios. El fundou, construíu, financia e dirixe unha escola de música, a Mandinka Music Productions, que en Barnako acolle os mozos e mozas que queren aprender a tocar os instrumentos tradicionais e a bailar e que ademais promove eventos culturais.
No ano 2003 recibiu o Tamani D´or, premio ao mellor cora do mundo, e, ao ano seguinte, o recoñecemento da
Unesco. Comezou a traballar coa discográfica World Circuit en 2004, nun proxecto que é a edición dunha triloxía da que a primeira parte leva por título
In the heart of the Moon, un álbum a dúo con Ali Farka Touré.
Agora poderemos gozar da súa presenza en Compostela, nun programa que xa nos trouxo a
Goran Bregovic dende Serbia e ao cantor cubano
Pablo Milanés. As próximas citas, lembremos, son con
Naná Vasconcelos, o xenial percusionista brasileiro, en maio, e cos galegos
Marful en xuño.