Sons continúa cun dos cantantes bandeira da Trova Cubana, xunto con Silvio Rodríguez. Todo o mundo lembra
Yolanda, unha das mellores cancións de amor de todos os tempos.
Máis de vinte discos e o recoñecemento internacional avalan a Pablo Milanés, o troveiro cubano que con cada novo traballo e cada novo concerto recolle a simpatía dun público fiel e entregado. O seu último disco,
Como un campo de maíz, recolle toda a súa esencia de cantautor. Algúns dos temas son de composición recente, outros datan de cando Pablo Milanés tiña entre os 18 e os 21 anos e tamén inclúe un poema de Pablo Neruda, "Para mi corazón basta tu pecho", do asonado poemario que o chileno escribiu con vinte anos,
Veinte poemas de amor y una canción desesperada. Coma sempre, o predominio da palabra marca o traballo do cubano.
Ya no sé si cantarle de nuevo a las rosas y al sol...
Pablo Milanés naceu en Bayamo, no oriente da República de Cuba o 24 de febreiro de 1943, cidade berce do son e da trova. Aquel mozo que comezou a compoñer canciósn intimistas con vinte anos ("Tú mi desengaño", "Hoy vuelvo a ti", "El sol ríe por mí", "Al borde del final", "Estás lejos", "Llévame contigo muerte"), seguía a corrente do "filin", corrente norteamericana da canción romántica e o jazz. Con nada máis ca guitarra e voz, e unhas letras moi sentidas, o cantautor ía perfilándose. Logo uniuse ao cuarteto Los Bucaneros. Con
Mis 22 años, aquel mozo comezou a formlularse a música de xeito máis serio. No 1967, no Servizo Militar Obrigatorio , na ápoca máis dura do Vietnam, as temáticas cambian. pablo convértese nun cantautor comprometido, anguriado polo momento no que lle toca vivir, consciente do seu país e da súa época. "Yo vi la sangre de un niño brotar" é o comezo dunha nova andaina. "Pobre del cantor", de 1968, é xa unha declaración de principios. O coñecer a Silvio Rodríguez ábrelle a porta a unha fermosa relación musical e intelectual. Tamén coñece a Haydée Santamaría e a Alfredo Guevara, figuras imprescindíbeis para a cultura cubana daquela.
En marzo de 1968 dan o primeiro concerto na Casa das Américas Silvio, Pablo e Noel. Este sería a máis clara mostra do que foi máis tarde, en 1972, o Movemento da Nueva Trova Cubana. A Casa das Américas foi un vínculo tamén con cantautores do Uruguai, do brasil, dos EUA, de Chile... Entre eles Violeta Parra, Daniel Viglietti, Chico Buarque, Vinicius de Moraes, Milton de Nascimento, Víctor Jara, Peter Seeger ou os españois Pi de la Serra, Luis Pastor, ou Juan Carlos Senantes
Con Alfredo Guevara ao fronte do ICAIC, levouse a nova música ao cinema cubano. Así naceu o GESICAIC, do que Pablo, xunto a Silvio, Noel Nicola, Eduardo Ramos e moitos outros creadores, baixo a batuta de Leo Brower, foron fundadores.
Os 70 son os anos dourados, a época de "Yo no te pido", "Los años mozos", "Cuba va" (escrita con Silvio e Noel), "Hoy la vi", "Yolanda", "No me pidas", "Masa", "Los caminos", "Hombre que vas creciendo", "Yo pisaré las calles nuevamente", "A Salvador Allende en su combate por la vida", "La vida no vale nada" e a musicalización dos poemas do heroe nacional cubano, José Martí, en
Versos de Martí, só con guitarra e voz.
Xa ten unha serie de temas claves: o amor, a patria e a recuperación da tradición cubana, e a crítica social. Nos 80 volven a traballar tan só el e a súa guitarra, abordando temas de carácter máis existencial, coma o paso do tempo. Obras como "Nicaragua" (1984), "Buenos días América" (1985), ou "Son para despertar a una negrita" (1988) son unha mostra da volta ás súas raíces.
Gravou
Querido Pablo, unha sentida homenaxe na que participa con convidados e colegas da Nova Canción, ademais de amigos coma Víctor Manuel e Ana Belén, Luis Eduardo Aute, Mercedes Sosa...
Logo viñeron
Identidad,
Canto de la abuela,
Con ciertos amigos,
Orígenes,
Plegarias,
Días de gloria, e no 2001
Pablo querido, segunda parte do
Querido Pablo, vinte anos despois.
logo de corenta anos de creación artística, Pablo mantívose nas raíces máis fondas da canción cubana, sen esquecer a modernidade nin o compromiso coa realidade.