O máis salvaxe e visceral folclore balcánico, a fanfaria cigana, a polifonía búlgara, elementos corais e orquestrais, percusión, enerxía... Todo pasado pola resurrección contemporánea, sen perder o espírito tradicional, deste
compositor serbio.
Un conto dos Balcáns
Bregovic quería "unha ópera para pobres, porque tamén os pobres teñen dereito a gozar da ópera" Por iso recreou, cunha orquestra propia de calquera casamento xitano, sen grandes composicións instrumentais, a historia dunha moza xitana, obreira nunha fábrica en Serbia, que é enganada e remata por prostituírse en Alemaña. Todo cunha estética moi naïf, aliando folclore balcánico coa tradicións musical occidental máis clásica. A grande icona de Bizet levada aos Balcáns derivou nunha interpretación totalmente libre: o nome con K da protagonista e a mensaxe tranquilizadora "con final feliz" anúncialle ao público unha idea moi distinta de concebir o mito.
O mito de Carmen
Muller fatal, bruxa, provocadora de desgrazas... A seducción é a súa arma, e os seus feitizos de xitana xerarán unha cadea de mortes e vinganzas. Con este estereotipo feminino común a todas as relixións e culturas, de muller-demo, Prosper Merimèe escribiu un relato, inspirándose nunha muller real que facía cigarros nunha fábrica de Sevilla, en 1846. A peza sería musicada por George Bizet, nunha famosísima ópera que inclúe pezas tan presentes no imaxinario musical colectivo coma "Toreador", "Habanera" ou "L'amour est un oiseau rebelle" (O amor é un paxaro rebelde).
Carmen tamén foi unha icona moi representada no cinema: Cecil B. De Mille ou Ernst Lubistch fixeron as súas respectivas versións cando os filmes todavía eran mudos, Rita Hayworth, Imperio Arxentina ou Anna Magnani pasaron pola pel do personaxe, e recentemente, Carlos Saura e Vicente Aranda, con Paz Vega no papel, fixeron cadansúa adaptación.
Un violinista da encrucillada cultural
Naceu en Saraxevo de nai ortodoxa serbia e pai católico croata. Ademais, a súa muller é bosnia e musulmana. Un crisol de culturas proclive a sufrir o esgazamento que produciu a guerra en moitas outras familias. Nos 60, con dezaseis anos, Goran estudaba violín e tocaba en restaurantes. Nos 70 crea o seu primeiro grupo de rock, Bijelo Dugme (Botóns Brancos), e no 74 acadan o éxito co seu primeiro disco. Daquela era todo un desafío tocar rock nos países do Leste.
Outro rapaz chamado
Emir Kusturica facía algún filme e tocaba o baixo nun grupo punk. Moitas noites de troula e rocanrol fixeron deles bós amigos, até que Emir marchou á Escola de Praga. A finais dos 80, esgázanse os Bijelo Dugme, logo de obteren éxito pola escena europea, e Kusturica, que está argallando
O tempo dos xitanos, pide a colaboración de Goran, a quen cada vez lle entusiasma máis a idea de afondar nas raíces cíngaras, particularmente eclécticas.
Foi o comezo dunha alianza que continuou con
Arizona Dream (engadindo ademais a
Iggy Pop) e
Underground (con
Cesaria Evora). A vida como é, as persoas coas súas contradciións, a pobreza e a miseria, pero tamén a maxia, son os toques de Kusturica para facer que os seus filmes sexan redondos. Engadíndolles a música de Bregovic, o resultado era espectacular.
Comeza a guerra, e Bregovic comeza a sufrir as acusacións por non posicionarse en nigún bando. Pero, como ten dito, é difícil posicionarse cando case cada membro da túa familia pertence a unha etnia ou relixión distinta.
Na actualidade, Bregovic vive en París, adoita colaborar con Iggy Pop, Cesaria Evora, Scott Walker, Ofra Haza, Isabelle Adjani e Johnny Depp, e agora mestura sintetizadores con instrumentos e voces tradicionais.
Ederlezi subtitúlase "Cancións para vodas e funerais", xa que nos velorios ortodoxos adóitase beber e cantar. As súas montaxes, con dez músicos tradicionais, corais de cincuenta persoas e orquestra sinfónica, son impresionantes en directo, colleitando enorme éxito ao longo de toda Europa.