Actus
O drama litúrxico medieval correrá a cargo da Asociación para a Promoción da Música Actus. Existen teorías, coma a do profesor Serafín Moralejo, que relaciona as representacións do programa iconográfico do Pórtico da Gloria coa representación en pedra do Ordo Prophetarumun, un drama litúrxico do século XII.
Esta obra dramatiza unha homilía atribuída a Santo Agostiño, na que convoca os profetas para que dean testemuño da divindade de Cristo e censuren así a incredulidade do pobo xudeu. A peza sitúase no contexto do teatro medieval, onde desempeña un papel relevante o xénero do drama litúrxico asociado a ciclos de Pascua e Nadal.
A representación parte dunha versión do Ordo Prophetarum datada no século XIII e conservada en San Marcial de Limoges. O drama enriquécese con pezas como a cantiga 422 de Afonso X o Sabio ou a égloga IV de Virxilio. A dirección corre a cargo de Francisco Luengo, responsable da reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria.
Na dirección de voces estará Miro Moreira, mentres que o elenco se completará con 12 músicos especializados en tocar os instrumentos plasmados no Pórtico da Gloria, e 16 cantantes.