Xoán Curiel
Xoán Curiel non só é coñecido pola súa faceta de cantautor, senón tamén como actor de teatro profesional: formou parte das compañías Os Quintilláns e de Pífano, e participou na exposición do CGAC Lost in sound, como presentador e cantante. Na súa maqueta Cóxegas de sons manifesta a influencia dos ritmos étnicos galegos, africanos, árabes e latinos. Un canto a Galiza, á Terra e á biodiversidade.
Actualmente prepara o seu primeiro traballo discográfico, Nai, inspirado na figura da muller como creadora, no que colabora con músicos, cantantes e poetas galegos e doutras latitudes, como Brasil ou Croacia.
Ademais de participar como músico nos grupos Bate Folhas, Batuqueiros e Be à-bã, por toda Galiza, colaborou con músicos como Carmen Dor e Leandro Brandi, e poetas como Antía Otero, emprende unha xira co seu proxecto en festivais como FestiSon, Festival dos Ritmos do Mundo, Move'm Cult'n Danza ou o Festival Multicultural de Cabanas. E en lugares como o Casino da Toxa, Cervo, Arzúa, Brión, A Coruña, e, xa en Compostela, a Sala Nasa, o Teatro Principal e a Praza do Toural.