Gustavo Cerati
O bonaerense Gustavo Cerati abre o outono na Capitol, que xa inaugurou o curso co concerto dos Enemigos en setembro. Poderemos ver a unha das grandes figuras do pop latinoamericano, o que fora líder dos míticos Soda Stereo, agora en Compostela.
Gustavo Cerati e Zeta coñecéronse en 1979, estudando publicidade na universidade de El Salvador. Intercambiando discos dos XTC, Moody Blues, Elvis Costello ou folclore xamaicano, coñecen tamén a Alfredo Lois. No 83 xúntanse con Charly Alberti, Richard Coleman, Daniel Melero, Andrés Calamaro... Finalmente nace Soda Stereo,integrado por Zeta, ALberti e Cerati, con Alfredo Lois como coidadoso asesor de imaxe: maquillaxe, peiteados, as capas dos discos... Todo era importante para aqueles estudantes de publcidade. fanse populares na movida underground, e gravan o LP Soda Stereo no 84, Nada Personal un ano despois, e o vídeo "Cuando pase el temblor", dirixido por Alfredo Lois nas ruínas do Pucará de Tilcara, no 86. O clip foi finalista no 12° World Festival of Video and TV en Acapulco anos despois. Ese ano gravan o terceiro disco, Signos, arrasando por toda Latinoamérica. Logo dunha intensa xira, editan os directos en Ruido Blanco (1987). Un ano despois gravan en Nova York Doble Vida, abrindo as portas do mercado norteamericano. No 89 sae o maxi-simple Languis, e no 90, Canción Animal. No 92 saen Colores Santos e Dynamo, a finais do 93, os remixes Zona de Promesas, e é entón cando Gustavo ten o primeiro fillo e o primeiro disco en solitario, Amor Amarillo. No 95 sae Sueño Stereo e a banda regresa aos escenarios porteños. No 96, Comfort y Música para Volar inclúe imaxes dunha actuación para a MTV e 11 temas.
Gustavo únese aos chilenos Andrés Bucci, Guillermo Ugarte e Christian Powditch, xerando o proxecto electrónico Plan V. Así nacen Plan V e Plan Black V Dog no 98, compartido cos británicos Black Dog, e editado no momento da separación de Soda Stereo, que causou enorme conmoción na Arxentina. Gravan unha escolla da súa xira de despedida en El Último Concierto A y B (1997).
Xa en solitario, Gustavo participa na homenaxe a The Police Outlandos D´Americas (1998), un disco con Flavio Etcheto (Medida Universal, 1999), e nese mesmo ano, Bocanada, que o consagra como mellor solista do ano.
No 2001 faise cargo da banda sonora de + Bien, unha produción independente de Eduardo Capilla, e dunha xira que Gustavo fai no verán sae 11 Episodios Sinfónicos. A finais do 2002 sae á venda Siempre es Hoy, e Canciones elegidas 93-04 recopila a súa carreira solista.