Edicións Xerais e a
Fundación Caixa Galicia organizan un acto en torno ao poemario
Con pólvora e magnolias, de
Méndez Ferrín, ilustrado por Sucasas.
Letras sobre papel de envolver
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é doutor en Filoloxía e catedrático de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo. Colaborador con "Faro de Vigo" e dirixe a revista de pensamento crítico
"A trabe de Ouro". É membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto e da
Real Academia Galega. No ano 1999 foi seleccionado pola
Asociación de Escritores en Lingua Galega, a petición da Academia Sueca, coma candidato da literatura galega ao premio Nobel.
Preparou a edición crítica do
Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e como ensaísta publicou
De Pondal a Novoneyra (1984), ademais de facer unha incursión no xénero teatral con
Celtas sen filtro (1983), representada polo grupo Artello e aínda inédita.
Deuse a coñecer como poeta coa obra
Voce na néboa (1957), á que seguiron
Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens,
Sirventés pola destrucción de Occitania (1975),
Con pólvora e magnolias (1977), Premio da Crítica,
Poesía enteira de Heriberto Bens (1980),
O fin dun canto (1982),
Erótica (1992),
Estirpe (1994), Premio Losada Diéguez, e
O outro (2002). Este ano compilou, xunto con Iris Cochón, o mellor da súa poesía en
Era na selva de Esm (2005)
Coma narrador publicou os libros de relatos
Percival e outras historias (1958),
O crepúsculo e as formigas (1961),
Crónica de nós (1980), e
Arraianos (1991), Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez e Premio da Crítica Española. Ademais do conto e da poesía tense desenvolto na novela, como demostran
Arrabaldo do norte (1964),
Retorno a Tagen Ata (1971),
Elipsis e outras sombras (1974),
Antón e os inocentes (1976),
Amor de Artur (1982),
Arnoia, Arnoia (1985),
Bretaña Esmeraldina (1987), Premio da Crítica de Galicia, e
No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española 2000, e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2000. Unha selección dos seus contos foi preparada por Sonsoles López baixo o título
Contos (Xerais, 1988).
Con este poemario que Ferrín editara en papel de envolver, cando formaba parte do grupo de Comunicación Poética Rompente, rachou coa poesía e da edición do momento. O carácter de libro-obxecto, a estética underground, e sobre todo o contido de
Con pólvora e magnolias son as bases que fan da obra un revulsivo: a introspección no eu, na subxectividade, nos temas íntimos (amor, desamor, cuestións existenciais) conviven co compromiso cunha época e unha loita. Segundo Iris Cochón, "reproduce e transmite poeticamente convicións moi fondas do seu autor, impulsadas pola súa idea de progreso e firmemente cimentadas na súa consideración do realismo dentro das artes." Pólvora e magnolias, crítica e sentimento, mestúranse nestes
poemas que marcan un antes e un despois na lírica galega contemporánea. Esta edición de Xerais pódese mercar a través de
Andel Virtual.
Vintecinco anos editando
Edicións Xerais de Galicia naceu no 79, formando parte do grupo Anaya,coa misión de non deixar oco ningún da comunicación impresa que non se editase en galego. Do edificio de Doutor Marañón, en Vigo, saíron os libros de texto que educaron a varias xeracións, os dicionarios máis completos, narrativa de peto, novela negra, cómics e coleccións infantís e xuvenís (Andavía, Xabarín, Merlín e Fóra de Xogo), poesía revolucionaria (Ablativo Absoluto), os clásicos do noso tempo, guías de natureza... Todos os retos posíbeis para a edición en galego.
Outro libro editado en torno ao aniversario foi
X. Espazo para un signo, no que Marilar Aleixandere, Fran Alonso, Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Xela Arias, MAría do Cebreiro, Ramiro Fonte, Antonio García Teijeiro, Xosé Miranda, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane xogan coa poesía en torno ao grafema maís representativo da nosa lingua. O xogo foi unha proposta do calígrafo e artista Lázaro Enríquez.