É o ano de Teresa Moure: comezou co Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta por
A xeira das árbores, 24 horas na vida de Clara, muller-árbore que se enfronta ao mundo. Co ensaio
Outro idioma é posible rachou cos esquemas preconcebidos e revolucionou o campo da lingüística, ademais de obter o premio Ramón Piñeiro.
A palabra das fillas de Eva, finalista no mesmo certame o ano pasado, saiu por fin do prelo logo dun longo silencio. E agora, con
Herba Moura, Teresa gaña "o premio" de novela, en palabras da crítica Dolores Vilavedra: o Xerais 2005, no 25 aniversario da
editorial.
A
presentación da novela fíxose na Galería Sargadelos, o xoves 6 de outubro ás oito da tarde. Ademais de Teresa Moure, estiveron presentes Dolores Vilavedra e o editor Manuel Bragado, que salientou a capacidade de Teresa Moure para facer que as súas páxinas "recendan", seduzan, e atrapen ao lector cunha prosa enfiada e garimosa, que tece todos os fíos nas últimas trinta páxinas.
Rescatando os tesouros da hucha
A novela conta como Einés Andrade, na vez da súa tese de doutoramento, comeza a súa "tese de desafío", tirando dos "fíos" dunha hucha, "igual que Felipe de Amancia tira dos fíos dunha pucha", salienta Dolores Vilavedra, co
Merlín de Cunqueiro inevitabelmente presente.
A través do seu percorrer polo século XVII, Einés descobre cartas, receitas, feitizos, herbas medicinais e outros documentos que remata por enfiar nun "patchwork", coma o que cubre a portada do libro editado por Xerais. A raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, sabia curandeira e herborista residente en Amsterdam, que será considerada bruxa, son as fascinantes vidas que representan o debate empirismo-racionalismo. O rescate da memoria das mulleres invisíbeis comeza pola sabedoría rexeitada por "non científica", polo mundo das herbas, dos olores, configurando un universo silenciado e deturpado polo discurso dominante.
Ese discurso canónico, racionalista, masculino, é representado polo director de tese de Einés, pola raíña que ten que acatar a súa condición e se obriga a non sentir nada, e rematará por loitar para saír das súas barreiras. Mentres tanto, Einés e Helene representan o discurso híbrido, marxinal, anónimo.
Ao tempo que se formulan debates filosóficos e lingüísticos (a posibilidade, novamente, dunha lingua artificial universal), a novela rezuma sensualidade no estilo e nos contidos: o tacto e o olfato son básicos nas figuras e nos recursos de Moure para conseguir que cheguemos a percibir os cheiros da casa de Helene. a obra remata por ser un auténtico manifesto hedonista, un canto ás paixóns, ao amor polo coñecemento, á amizade, á maternidade, á lectura e á palabra.
"Querendo facer unha novela formal, racional, sendo tan profesoriña universitaria, non sei que raio me pasou para que saíra unha novela tan sensual", afirma Teresa. Con este discurso "profundamente humano e radicalmente contemporáneo", en verbas de Bragado, a lingüista quería "poñer o mundo patas arriba escribindo," e vólveo conseguir (unha vez máis), poñendo en evidencia o que permanece agochado.
Non se percibe a historia coma unha experiencia totalizadora, senón que se propón unha visión do mundo fragmentaria, artesanal, feminina. Convídasenos a enfiar anacos e actuar coma as que eran queimadas por meigas, a non percibir as cousas dende unha estrutura de dominio e un discurso único. Na novela hai un personaxe colectivo indiscutíbel: "todas as mulleres, todas elas, todas nós, estamos aquí."
Dándolle a volta ao mundo coa palabra
Teresa Moure é doutora en Lingüística xeral e exerce a docencia nas Facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa especialidade ten publicados máis dunha ducia de traballos nos que salienta a responsabilidade ética do investigador, o temor ao colonialismo e á homoxeneización cultural, dentro dunha decidida vocación anti-globalización e do valor para deconstruir o discurso patriarcal. É autora de libros como
La alternativa no-discreta en lingüística (1996),
Universales del lenguaje y linguo-diversidad (2001) ou
La lingüística en el conjunto del conocimiento: Una mirada crítica (2002).
Este ano publica tamén os ensaios
Outro mundo é posible e
A palabra das fillas de Eva, onde mestura as súas facetas de narradora nos intensos "cadernos de anotar a vida" que alterna coas reflexións sobre a lingua e o poder.
Ensaísta sen deixar de narrar, de contar historias, de manexar a palabra, nunca inocente, para romper co discurso pseudocientífico, coma remate da festa que realmente foi a presentación de
Herba moura, os seus fillos, Brais, Aldán´e Duarte e máis Einés, filla de Dolores Vilavedra inmortalizada na protagonista da novela, abriron a enorme hucha de madeira que Teresa traía consigo e compartiron os seus segredos cos asistentes. Repartiron pequenos sobres que contiñan un potente analxésico, aínda que tóxico en cru:
herba moura.