Compostela cultura

Estás en: Destaques > Letras > Jean-Philippe Toussaint e a súa...
Toussaint

Jean-Philippe Toussaint e a súa novela visual

(06/02/2008) Dentro do proxecto "Escritores/as en Compostela", promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura, Jean-Philippe Toussaint visita a nosa cidade para achegar a súa obra aos lectores a través dun coloquio. A visita do escritor complétase coa presentación nunha mesa redonda da tradución ao galego do seu libro 'Fuxir', editado por Galaxia.

O seu último libro, 'Fuxir'

O seu último libro, 'Fuxir'

Considerado un dos escritores máis brillantes en lingua francesa Jean-Philippe Toussaint comezou o seu meteórico ascenso no mundo literario coa súa obra La Salle de bain (O cuarto de baño), de 1985. Con tan só 28 anos fixo contemporánea a "nova novela", levando ao éxito á editorial Minuit, e que marcou o que logo sería o seu estilo único: frases curtas, estilo límpido, sentido dos obxectos, obsesión polo íntimo e cotiá, minúsculo até o absurdo, o cómico ou a estrañeza marcaron tamén os textos que seguirían a esta ópera prima.

Nado en Bruxelas en 1957, reside en Francia dende o 71. Os seus personaxes, solitarios empedernidos, habitan un universo narrativo caracterizado pola descontinuidade e as permanentes rupturas do relato. Así até o de agora ten publicado obras como Monsieur; L'Appareil-photo; La Réticence; La Télévision e Autoportrait (à l'etranger). Tamén se dedicou á escritura de guións de cinema e no 99 realizou a película La patinoire.

Xa en 2002, Toussaint cambia de rumbo con Faire l'amour (Facer o amor), un libro que se completa con Fuir (Fuxir) en 2005. Compoñen un díptico no que a primeira das obras narra unha ruptura e o segundo as súas consecuencias. A súa obra vaise facendo máis visual e cinematográfica. Tras obter un grande éxito nos países francófonos, Fuxir chega a Galiza de man da editorial Galaxia como fermosa resposta literaria ás creacións de cineastas contemporáneos como David Lynch ou Wong Kar Waï.

Agora en Compostela
O escritor belga chega á nosa cidade o 6 de febreiro para ofrecer unha charla cos socios e socias da Asociación de Escritores en Lingua Galega, dentro da iniciativa "Escritores/as en Compostela" organizada por esta organización e pola Concellaría de Cultura e que ten como obxectivo achegar a autores internacionais ao noso país para darlles a oportunidade aos lectores de afondar no coñecemento da súa obra dunha forma máis persoal. Ao día seguinte, o xoves 7, Toussaint presentará nunha mesa redonda a versión galega do seu libro Fuxir, editado por Galaxia en 2007 como parte da Biblioteca Compostela. O acto terá lugar no Casino ás 20:00.

Máis destaques de letras
Jean-Philippe Toussaint en Compostela
  • Mércores 6: Charla no Club Internacional de Prensa ás 20:00.
  • Xoves 7: Presentación de Fuxir no Casino de Santiago ás 20:00.