Nestas
xornadas abórdase a relación entre comunicación e sociedade, e as novas posibilidades do xornalismo na era na que cambian os modelos sociais e informativos. Comezaron o mércores 30 ás 18:30, no Comedor Real do Hostal dos Reis Católicos, coa conferencia inaugural "Un novo modelo de comunicación, un novo modelo social", a cargo do Secretario do Estado de Comunicación, Fernando Moraleda, o Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado. Logo dun cóctel, ás 20:00, houbo unha mesa redonda sobre comunicación e sociedade en Galiza, moderada por Xosé Luis Barreiro Rivas, na que participaron Xosé Hermida, delegado de
"El país" en Galiza, Edelmira Carracedo, subdirectora de informativos da
TVG, o director d'
"A Nosa Terra", Afonso Eiré, Luis Villamor, director de política de "
La Voz de Galicia", Xavier Cea, de
"El Correo Gallego", Ánxel Vence, de
Faro de Vigo, Anxo Quintela, director de
Vieiros, e Miguel Túñez, decano da
Facultade de Ciencias da Comunicación.
O xoves 1, ás 18:00, o Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación acolle a Benigno Sánchez, director xeral da CRTVG, coa conferencia-coloquio "A produción cualitativa: un modelo eficaz no mercado maduro," a cargo de Pedro Revaldería, director de produción propia de Telecinco.
E por último, o venres 2, ás 20:00 e novamente no Comedor Real do Hostal dos Reis Católicos, Fernando Salgado presentará unha conferencia-coloquio sobre os itinerarios do novo xornalismo, na que intervirán Ignacio Ramonet, director de "Le Monde Diplomatique", e o xornalista e músico Ramón Chao. As xornadas rematarán cun cóctel ás 21:30.
Dúas figuras clave do xornalismo
Ramón Chao (Vilalba, Lugo, 1935) é músico, escritor e xornalista. Criouse tocando o piano na fonda que rexentaban seus pais, un punto de encontro para persoeiros como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. No 1956 emigra a Francia para estudar piano, e remata por dirixir emisións radiofónicas en galego, que foron prohibidas por Franco, e ser correspondente da revista "Triunfo". No 91 foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno francés.
Colabora en diversos medios xornalísticos, como "Le Monde Diplomatique," onde fai crítica literaria. É autor, entre outros libros, da
Guía secreta de París (1975),
O lago de Como (1982),
Palabras no tempo,
Conversas con Alejo Carpentier (1984),
Un posíbel Onetti (1992),
Un tren de xeo e lume. Man Negra en Colombia (1994),
Prisciliano de Compostela (Seix Barral, 1999) ou
A paixón de Carolina Otero (2001). Actuamente é redactor xefe en
Radio Francia Internacional, e membro do colectivo antiglobalización
Attac.
Ignacio Ramonet (Redondela, Pontevedra, 1943) é doutor en Semioloxía e Historia da Cultura e catedrático de Teoría da Comunicación. Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional (experto-consultante das Nacións Unidas), e foi premiado en numerosas ocasións polo seu labor xornalístico. É autor de varios libros, a meirande parte traducidos a diversas linguas:
A lambetada visual, (1985 e 2000),
Como nos venden a moto, (con Noam Chomsky, 1995),
Il Pensiero Unico (con Fabio Giovannini e Giovanna Ricoveri, 1996),
Nouveaux pouvoirs, nouveaux maîtres du monde (1996),
Un Mundo sen rumbo (1997),
Rebeldes, deuses e excluídos (con Mariano Aguirre, 1998),
A tiranía da comunicación (1999), Propagandas silenciosas (2002) ou
Guerras do século XXI (2002). Na actualidade, dirixe "Le Monde Diplomatique" e "Manière de voir." É membro do colectivo antiglobalización Attac.