A XORNADA DESENVOLVERASE O 29 DE SETEMBRO
O software galego a debate
(28/09/2006) As concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais, Educación e Mocidade, Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello de Santiago de Compostela organizan a xornada de traballo "Producir, espallar, localizar… software en galego." Un punto de encontro no que analizar a situación da localización e da produción de software en galego, coñecer as experiencias e as políticas respecto ao tema.
Esta xornada ten como principais destinatarios: persoal técnico e especialista das áreas da dinamización lingüística, a terminoloxía, a ofimática, as TIC, a formación e a educación. Tamén responsábeis políticos das áreas de industria e innovación, educación, informática e política lingüística, tanto da Xunta de Galicia como de concellos e deputacións, e membros de organizacións sociais relacionadas coa dinamización lingüística, a educación, a formación ocupacional, a localización e a produción e divulgación das TIC.
O 80% das prazas están reservadas para invitacións nominais (xente que por coñecementos, experiencia ou interese é susceptíbel de tirar proveito da xornada aplicando as conclusións no seu ámbito de actuación). Neste caso, a asistencia debe confirmarse antes do 26 de setembro mediante mensaxe ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago: dlg@aytocompostela.es. O 20% restante resérvase para quen comunique o seu interese enviando un correo ao mesmo enderezo electrónico unha vez feita pública a convocatoria.
Opina no Foro!
Esta xornada desenvolverase o venres 29 de setembro a partir das 10:00 no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal. É unha iniciativa das concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais, Educación e Mocidade, Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio, na que colabora o Proxecto
Mancomún.
Este programa ten como obxectivo reflexionar sobre a importancia do software na propia lingua para avanzar no proceso de normalización, nomeadamente entre a mocidade e no eido socioeconómico. As industrias culturais, as novas tecnoloxías e os medios de comunicación de masas son a ferramenta clave na normalización lingüística, particularmente entre o sector da poboación máis afectado pola castelanización.
Ademais, coñeceremos polo miúdo unha experiencia exitosa de localización de software baseada no voluntariado, Softcatalá, e a súa convivencia con outras formulacións baseadas na profesionalización. Xa
o día anterior será presentada a tradución ao galego de
Software libre: tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto, realizada por Daniel Romero e Ana Salgado e editada por Biblos Club. A autoría do libro é de Jordi Mas i Hernández, coordinador xeral de
Softcatalá.
Outros puntos clave do programa son a análise da situación da localización e da produción de software propio en Galicia dende diferentes parámetros (promotores, utilidade, extensión de uso, materiais complementarios), o coñecemento de experiencias de localización de software, e debate sobre o ‘modelo galego’ para a súa localización e difusión, e finalmente, a obtención de conclusións de interese para organizacións e administracións implicadas nestes procesos.
Como se vai desenvolver
O método empregado durante esta xornada será o emprego de mesas de traballo nas que o(s) relator(es) fan unha exposición e a persoa encargada de moderar formula unha serie de preguntas para orientar e contextualizar o debate con todos os participantes. Divídense en tres áreas:
- Localización de software baseada no voluntariado. A experiencia de Softcatalá. Voluntariado versus administración: o estado da cuestión en Cataluña. Contaremos coa presenza de Jordi Mas, coordinador xeral de Softcatalá, coordinador académico do mestrado en software libre da Universitat Oberta de Cataluña e autor do libro Software libre: Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto, quen será moderado por Isabel Vaquero, técnica do SNL da USCo e coautora do libro Da periferia á rede. Internet en Galicia: Lingua e contidos.
- A localización e produción do software en Galicia. As experiencias baseadas no voluntariado (e aquí contaremos coa presenza do profesor Ramón Flores, autor de dicionarios galegos para correctores ortográficos libres e membro do Proxecto Trasno), a produción de software específico promovido por concellos (ha estar tamén o concelleiro delegado de Política Lingüística, Relacións Veciñais e Deportes no Concello de Santiago, Manuel Portas, explicando a política do Concello de Santiago e as ferramentas de xestión de asociacións, como o programa Xestora), a política da Consellería de Industria (proxecto mancomun.org) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o que contaremos con Elena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia. estarán moderados polo economista Carlos Neira, técnico da empresa Cidadanía e membro da Mesa Galega a prol da Innovación.
- Alfabetización: a chave para a utilización e a difusión: experiencias dende o voluntariado, Ciberlingua (para o cal contaremos co seu coordinador, Luís Teira, mestre especialista en TIC e coautor do manual Navegándomos), e liñas de actuación da Consellaría de Educación, para o cal contaremos co xefe da área de Sistemas e Comunicación, Juan Antonio Valiño. Modéraos Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene, coautor do libro Da periferia á rede. Internet en Galicia: Lingua e contidos.