Marta Pazos
Inscrito na programación dun amplo proxecto baixo a dirección de Juan Vicente Aliaga, que incluíu a exposición 'En todas as partes' e o seminario 'O declive da ortodoxia?' en torno ás políticas de diversidade sexual na arte, o Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC propón o taller 'Be Sexy', impartido por Marta Pazos.
A arte e os artistas sempre estiveron intimamente ligados á sensualidade, ao desexo e ao exhibicionismo. Pero é realmente agora, a principios dun século marcado polo protagonismo absoluto do corpo exposto, cando o sentido de ver o real sitúa o espectador na delicada, e ao mesmo tempo excitante, postura do voyeur par excellence.
O taller Be Sexy está orientado a creadores que utilicen o corpo como ferramenta e desexen potenciar o impacto e a presenza do artista en relación directa co público a través da sensualidade.
Desde unha perspectiva lúdica, irreverente e desinhibida vaise traballar sobre a creación de secuencias coreográficas, dramáticas e performáticas articuladas con técnicas do cabaré, a comedia e o burlesque.
Farase un percorrido pola historia do cabaré, incidindo no fregolismo, as técnicas da comedia, o travestismo, o striptease e o playback.