Fernando Olmeda
O xornalista Fernando Olmeda, autor d´O látigo e a pluma, oferta esta conferencia na que aborda a represión franquista sobre as persoas homosexuais.
O encontro está organizado polo Clube Internacional de Prensa coa colaboración do Colectivo Gai de Compostela, BOGA (Mulleres lésbicas e bisexuais de Galiza), e a Facultade de Ciencias da Comunicación.
Os colectivos CGC e BOGA xa fixeran un chamamento ao recoñecemento da represión á homosexualidade durante o franquismo o ano pasado, cando o Pen Clube conmemorou o 25 cabodano da morte de Eduardo Blanco Amor en Ourense.
É unha face moi esquecida da Historia, afeita a silenciar a situación dos colectivos menos aceptados socialmente ou que se saíran da norma. É hora de recuperar a memoria: ás persoas homosexuais aplicábaselles a lei de perigosidade social, ou de vagos e maleantes, pola cal eran recluídas nos centros psiquiátricos, tratadas con electrochoques, ou mesmo no cárcere, humilladas e torturadas. A Igrexa, cómplice do réxime, era a principal delatora.
Fernando Olmeda pode achegar puntos de vista moi interesantes, logo de recoller no seu libro cen testemuños e varios documentosmoitos documentos que non saíran á luz até agora como expedientes de perigosidade, que amosan o funcionamento da maquinaria represiva franquista, que toleraba a homosexualidade, non embargante, no seo da Igrexa e do exército, aínda que coa necesaria "discreción." Quere poñer sobre a mesa a "doble moral que impuxo a indecencia do franquismo para que o coñezan as novas xeracións".
Precisamente, nun momento no que esas novas xeracións están inmersas en debates que concernen aos dereitos dos colectivos homosexuais e nuns días nos que se cumpren trinta anos da morte de Francisco Franco, esta conferencia tenta afondar sobre a memoria histórica.