Lupe Rodríguez, Néstor Rego, Reina D'Hoore e Maria Chenut
(10/05/2007) Ao longo das próximas fins de semana poderemos contactar coa enorme variedade de producións artísticas da nosa cidade dende a súa orixe: as portas dos performers, das persoas que se dedican á escultura, á pintura, á videocreación, á fotografía ou á xoiaría, estarán abertas para quen queira saber como se tecen estas obras de arte. O Roteiro de Creación Contemporánea foi presentado na Zona "C".
Alí estiveron os concelleiros de Cultura, Néstor Rego, e de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, Monse Cea, por parte da Fundación Granell, as promotoras da iniciativa, Reina D'Hoore e María Chenut, e a artista Noemí Díaz. Néstor Rego lembrou como hai dous días foi inaugurada a primeira exposición neste novo espazo para a creación e difusión artística, Álbum 04/05/06, de Suso Fandiño, e onte mesmo, no Auditorio, Compostelarte, dedicada aos artistas residentes en Compostela. A cidade é un fervedoiro de expresións artísticas, particularmente nas artes plásticas, e esta iniciativa é totalmente pioneira, como salientou a concelleira de Centros Socioculturais, Lupe Rodríguez: "nesta cidade a cultura está por todos os recunchos. E agora, por primeira vez se celebra este roteiro de creación contemporánea". O roteiro percorre nada menos que a obra de 35 artistas, abrindo as portas dos seus propios talleres, nas galerías e tamén nos centros socioculturais, o que contribuirá a dar a coñecer estes espazos para o lecer á cidadanía. "O que se agarda do proxecto é, sobre todo, que sexa participativo, que guste, e que as persoas gocen del activamente".
Pola súa banda, Monse Cea lembrou que, no marco deste programa, a Fundación Granell celebra o Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, co afán de saír do propio Museo, espallarse pola cidade, e ofrecer a posibilidade dunha "achega directa do público ao artista". Poderemos entrar nos obradoiros e coñecer de preto "os fetiches e os residuos da creación".
Programación
Pola súa banda, Maria Chenut e Reino D'Hoore explicaron a programación: o Centro Sociocultural do Ensanche acollerá do 12 ao 20 de maio unha mostra de videocreacións. Nesas mesmas datas, mentres que nos de Fontiñas, A Trisca, Conxo e Castineiriño, haberá exposicións colectivas de fotografía, pintura e escultura.
O domingo 13 de maio, Los sastrecillos valientes, organizan unha xolda-vermú a partir das 11:00 na praza de Cervantes. Do 14 ao 18 de maio, Nolo Suárez e Armando G crearán dous murais en directo nas paredes dos centros socioculturais de Fontiñas e da Trisca. Esa mesma fin de semana terán lugar dúas "Accións no tempo", a cargo de Diego Ghiddini, artista performático italiano ("Facce, scansioni digitali e estampa fotográfica. aprossimazioni" no punto de información da Zona "C", de 17:30 a 20:00), e Manuel Eirís con "Desocultamento", que se poderá seguir nunha casa deshabitada nas Casas do Rego (Carme de Abaixo) de 16:00 a 20:00.
O xoves 17, a Galería C5 propón, ás 20:00, un encontro co artista Fran Herbello, con quen se poderá dialogar sobre "Territorios e cartografías en Branco e negro", exposición conxunta con Rene Pena. Na xornada seguinte, Día Internacional dos Museos na Fundación Eugenio Granell, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, a arte aestoura como unha hibridación de performance e outras técnicas, concertos e moito máis, con Rita Rodríguez, María Meijide, Gelu Ramos, Laura Fandiño, Cintia Ramírez, Andrea Olmedo Río e Ignacio Pérez -Joffre, entre outros.
Por último, Noemí Ruiz salientou o interese deste proxecto, "que socializa e fai visíbel o traballo solitario, e posibilitará novas relacións e vínculos entre artistas e público". Tamén gabou o carácter democrático da proposta, ao mesturar artistas de diferentes estéticas, xeracións, etc. "nun mesmo mapa". Os mapas, preparados para escoller o noso propio guieiro, xa están dispoñíbeis nos CSC, na Zona "C", nas galerías e oficinas de turismo e na web do Roteiro.