Compostela cultura

Estás en: Concellaría de Cultura > Novas > Preséntase 'Zardigot',...

Preséntase 'Zardigot', de Euloxio Ruibal, levada á escena por Espello Cóncavo

Arturo López, Euloxio Ruibal e Néstor Rego Arturo López, Euloxio Ruibal e Néstor Rego

(25/04/2007) Un texto inspirado na memoria da guerra civil readaptado por Espello Cóncavo ao xeito dunha traxedia grega. Un drama universal, atemporal, escrito por Euloxio Ruibal, que poderemos ver o xoves 26 e o venres 27 de abril no Teatro Principal. Para presentalo estiveron no Concello o autor da obra, o director, Arturo López, e Rodrigo Roel e Xosé Antonio Garrido 'Gari', que ademais de seren actores, son respectivamente escenógrafo e axudante de dirección, xunto co Concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

A versión que agora presenta Espello cóncavo de Zardigot respecta o texto orixinario de Euloxio Ruibal, pero introduce pinceladas estéticas que nos levan á traxedia grega. Como indicou Rodrigo Roel, "Xaquín, Sabela, ou Mingos, poderían moi ben chamarse Héctor, Penélope e Ulises". Mais, aínda que o texto fala de todas as guerras, a especificidade do tema é clara: non se trata do Peloponeso, senón da guerra civil que esgazou España entre o 36 e o 39. Zardigot foi publicada no 74, despois de gañar o Primeiro premio no Concurso de Obras Teatrais "Abrente" en Ribadavia, o ano anterior 1973). O autor, Euloxio Ruibal, lembrou como houbo que loitar coa censura naqueles últimos anos da ditadura: "finalmente consentiron unha representación de cámara, e cando actuamos en Ribadavia, a casualidade fixo que houbese que montar un palco con cadaleitos (en Ribadavia hai unha fábrica importante deles), co que a obra tomou un valor especial, unha nova carga dramática. Foi impactante ver toda a xente vella que alí había sobrecollida. Na vida asistín a unha montaxe teatral na que sentise un clima emocional máis mesto".

Pola súa banda, Arturo López, director da montaxe, salientou a súa empatía con Ruibal á hora de adaptar o texto. "Hoxe é un clásico, pero un clásico que está vivo. Afrontámolo como unha alegación contra todas as guerras, pero centrada nunha guerra particular. As mal chamadas guerras civís son a maior expresión, paradoxalmente, do incivil. Non son guerras dun bando enfrontado ao outro, senón do asasinato na retagarda. Quen ten as armas exerce a súa brutal represión". O director insistiu tamén na "modernidade absoluta" da obra, "no intrinsecamente teatral e no contido": no fío narrativo, na alternancia espazo temporal, e nunha plástica que se remonta ás orixes da traxedia grega, a obra non está localizada: "podería ser calquera guerra en calquera lugar", explicou Rodrigo Roel. "No teatro de hoxe, no que se adoita reconverter os clásicos a base de traelos e adaptalos ao noso tempo, nós fixemos ao revés: collemos unha obra de actualidade e levámola ás raíces do teatro, nunha simbiose entre o mundo grecorromano e a guerra civil". Pola súa banda, X.A. Garrido 'Gari' comentou que no traballo actoral tentaron, sobre todo, non restarlle importancia ao texto: "a forza tiña que tela a palabra". Ao longo dos próximos días poderemos vela no Teatro Principal.

Volver ao listado de novas
Enquisa

Cal das propostas do ciclo Teatro e Danza en Xira 2010 che parece máis interesante?