Compostela cultura

Estás en: Concellaría de Cultura > Novas > A Chocolataría pecha o curso con...

A Chocolataría pecha o curso con Habana Factory

Sandra Ramos, Néstor Rego, Concha Fontenla e Lázaro Saavedra. Sandra Ramos, Néstor Rego, Concha Fontenla e Lázaro Saavedra.

(19/10/2006) Unha mostra do máis recente das artes plásticas en Cuba que comeza o venres 20 ás sete da tarde e estará na antiga fábrica Raposo até final de ano. Presentárona Néstor Rego, concelleiro de Cultura, Concha Fontenla, comisaria da exposición, e Sandra Ramos, directora da mesma, ademais de ser unha das artistas que participa. Tamén estiveron os artistas Luís Gómez, Fernando Rodríguez e Lázaro Saavedra.

Para Néstor Rego, é motivo de satisfacción que esta mostra se poida realizar na Chocolataría, na liña do seu espírito, de espazo aberto a diferentes entidades: "esta mostra agrupa parte dos artistas máis representativos da plástica cubana. Nestes tempos nos que agroma a consciencia da Revolución en Cuba, coñecémola sobre todo a través da produción musical, pero ese espírito avangardista produciuse tamén noutros ámbitos, xerando unhas tendencias artísticas que se consolidan hoxe."

Pola súa parte, Concha Fontenla agradeceu o apoio da Concellaría. "Esta última exposición estaba fóra de proxecto, pero era a última utopía que nos quedaba por facer, por dúas razóns: unha, Cuba. E a outra, que a Chocolataría tiña que ser un espazo social, e puidesemos interactuar co Concello. E a colaboración foi exemplar: foi un pracer traballar tamén cos profesionais do Auditorio."

Concha adiantou tamén algo da mostra: trátase dos artistas máis representativos deste momento na arte cubana. "Adaptáronse perfectamente, mesmo en espazos tan singulares como os da Chocolataría. Son xente que traballa na Habana, pero ten percorrido o mundo, afeita a faceren reflexións globais. Así, temos a Luís Gómez, que ten un concepto filosófico do mundo que vai moito máis alá da Illa, exercitado mediante o apropiacionismo de cousas de fóra (recrea parte da obra de Xulio Verne). Para el, a "inventio" do seu discurso é a que teñen que facer todos os días as persoas que teñen que vivir día a día."

Tamén falou da obra de Los Carpinteros ("non podo evitar que me lembre á marea negra"). De certo, as grosas pingas negras solidificadas na instalación "fluído" son como grandes residuos de chapapote que amosan certo fío condutor que atravesa o Atlántico de Galiza a Cuba. Fernando Rodríguez, quen traballou dende a cociña da Chocolataría, recreou un personaxe ficticio, Francisco de la Cal, un guajiro militante, mesturando primitivismo con sofisticación. Carlos Goicoa, se cadra o artista máis presente no circuíto das bienais e das Dokumenta, empregou a sala de máquinas, reflectindo unha Habana que queren e odian, critican e admiran, "como se fai coa nai de un."

Por último, contaremos con Sandra Ramos (presente na rolda de prensa), quen coñece o proxecto da Chocolataría e traballa dende hai tempo con D5. Ela intervén nunhas bandexas da Chocolataría cunhas caixas de luz nas que aparece a súa propia imaxe metida no mar, recreando a nenez, a soedade, e a Habana como unha illa dentro da illa, con todas as connotacións sociais posíbeis. Aimée García opta polo autorretrato tamén, pero moito máis simbólico e intimista. E Lázaro Saavedra (tamén presente) trata a cuestión da distancia por medio de tres curtametraxes emitidas en loop, cunha intervención directa no espazo da Chocolataría.

En resumo, o que se inaugura este venres na Chocolataría é un "produto de calidade estraordinaria, que remata, pero pode dar lugar a novos proxectos, a mover conciencias", rematou Concha Fontenla. Adiantou que durante a inauguración poderemos viaxar sensorialmente á Habana, escoitando música en directo e degustando "mojitos", ademais dalgunha outra sorpresa que non quixo desvelar.

Por último, Sandra Ramos agradeceu fondamente esta iniciativa, e recalcou a intensa identificación do pobo cubano co galego. "Moitos de nós temos raíces galegas."

Volver ao listado de novas
Enquisa

Cal das propostas do ciclo Teatro e Danza en Xira 2010 che parece máis interesante?