Socorro García Conde e Paulo Rodríguez na presentación da programación cultural de abril
(06/04/2010) A Concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron hoxe en rolda de prensa a programación cultural de abril en Santiago de Compostela, unha programación na que a música e as artes escénicas volven ter un protagonismo especial. O ciclo Sons da Diversidade trae ao rei do afrobeat, o nixeriano Femi Kuti, e o ciclo Teatro e Danza en Xira presenta a Sergi López co monólogo Non solum. Ademais celebrarase o Día Internacional da Danza coa posta en escena de 'Sono silente', da compañía galega Bstudiodanza.
Femi Kuti actuará no Auditorio de Galicia o sábado 24 ás 21 horas. É un dos concertos máis agardados desta edición de Sons da Diversidade, que nos permitirá ver ao fillo do mítico Fela Kuti. "Femi Kuti presenta o seu primeiro álbum de estudo en sete anos, Day by Day", sinalou Socorro García Conde, que destacou que "está considerado o rei do afrobeat, unha combinación de música yoruba, jazz, highlife e funk que o seu pai creou a principios dos 60 e que foi moi popular na África dos anos 70".
A programación musical inclúe tamén interesantes citas coa música culta. Dentro do programa de abono do Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía actuará o xoves 8 baixo a batuta de Paul Daniel, con obras de Debussy e Mahler, e o xoves 15 con Frans Bruggën como director para interpretar composicións de Mozart. Os últimos dous xoves dirixirá a orquestra o seu director titular, Antoni Ros Marbà, con dous concertos con obras de Honegger, Mozart e García-Abril.
A programación musical complétase cos concertos da Banda Municipal, que continúa ademais co seu programa de ensaios abertos, e cunha nova cita dos concertos didácticos: será o venres 16 co santiagués Coro da Rá, con Ramón Bermejo como director.
Propostas escénicas variadas
O ciclo Teatro e Danza en Xira conta este mes coa presenza do recoñecido actor Sergi López, famoso polos seus premiados traballos como actor cinematográfico. O 21 e 22 de abril actúa ás 21 horas no Teatro Principal co monólogo Non solum, un espectáculo creado polo propio López e Jorge Picó, que dirixe este último. "Trátase dunha comedia existencial na que un home só se multiplica para responder á pregunta que está pasando aquí, no mundo no que vivimos. É unha obra cunha vertente existencial e outra cómica", explicou Paulo Rodríguez.
A programación teatral complétase con dúas compañías galegas. Lagarta Lagarta pon en escena os días 14 e 15 O segredo dos Hoffman, un drama sobre as relacións de familia, as percepcións erradas e o paso do tempo. Con Ernesto Chao, Belén Constenla, Rebeca Montero e Xosé Barato no elenco, está dirixida por Rosa Álvarez, que obtivo o premio á mellor dirección por esta obra na última edición dos premios María Casares. O venres 23 e o sábado 24 Bengala Producións leva ao Principal Master class, de Terrence McNally, con Mabel Rivera, Lino Braxe e María Torres como intérpretes.
O Teatro Principal acolle tamén este mes a actuación dunha compañía afeccionada do barrio de San Pedro, Tangatutanga Teatro, dentro da política de apoio da Concellaría de Cultura ao teatro amador. O xoves 8 poñen en escena Aberto por folga. Cabaret laboral.
O 29 de abril é o Día Internacional da Danza, e para celebralo o Teatro Principal acolle unha representación da compañía galega Bstudiodanza, dirixida por Dolores Mayán. Presenta Sono silente, unha peza con dirección, escenografía e coreografía da propia Mayán, "de mediano formato e para todos os públicos, inspirada no cine silente dos anos 20 e 30", sinalou Socorro García Conde. Esta actuación forma parte do ciclo SCQ Danza.
No campo das artes visuais, continúan as exposicións 'María Xosé Díaz, 1980-2010', no Auditorio de Galicia e 'Grandes batallas' de Antía Moure na Zona "C". A programación complétase con numerosas actividades nos centros socioculturais, que inclúen conferencias, exposicións, obradoiros e actividades para nenos e nenas e para maiores.